Os socorristas da praia de Broña sacaron á muller de 70 anos de idade da auga e trataron de reanimala, sen embargo, nada puideron facer por salvarlle a vida.
Dez minutos antes das catro e media da tarde deste domingo, varios alertadores contactaban co 112 Galicia para pedir axuda. Un deles indicaba que os socorristas sacaran a unha muller da auga na praia de Broña, á esquerda do posto de socorrismo, en San Cosme de Outeiro, na localidade de Outes, e solicitaba unha ambulancia.
Decontado, desde o 112 Galicia pasouse aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia, que derivou un helicóptero medicalizado ata o lugar. Tamén foron informados a Garda Civil, o GES de Noia, á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade, Salvamento Marítimo e o Servizo de Gardacostas de Galicia.
A aeronave tomou terra no lugar dos feitos, sen embargo, tras os intentos de reanimación por parte dos socorristas e do persoal médico, a persoa faleceu.
Bañista falecido na praia de Cariño, Ferrol
Tamén en Ferrol, un bañista falecía na tarde deste domingo na praia de Cariño, en Doniños.
Ás 17:40 horas un familiar pedía axuda ao 112 Galicia, indicaba que seu pai estaba en apuros cando ía a nado pola zona de rochas.
Nada mais ter constancia do suceso, o 112 Galicia puxo en marcha un dispositivo de intervención formado polo persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias, Salvamento Marítimo, Servizo de Gardacostas de Galicia, Bombeiros de Ferrol co seu equipo acuático, Garda Civil, Policía Nacional, Local e efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.
Finalmente, unha embarcación do Servizo de Gardacostas de Galicia, tras rescatar ao bañista, trasladouno ata o peirao de Curuxeiras (Ferrol).
Así mesmo, o persoal sanitario confirmaba o falecemento do home que ía ser trasladado nunha embarcación ata o peirao de Curuxeiras onde o agardaban os axentes da Policía Nacional, Local e persoal sanitario cunha UVI móbil.