Formoso reivindica en Noia o papel das mulleres na pesca e o marisqueo

4 minutes read

«Hoxe queremos reivindicar ás mulleres do mar. Ás que estiveron sempre aínda que o seu papel non sempre fora visible para a sociedade». O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, explicou así o obxectivo da conmemoración do Día Internacional da Muller no Sector Marítimo que a Administración provincial organizou no Coliseo Noela, de Noia, en colaboración con Anmupesca.

Formoso clausurou un encontro que contou coa participación de destacadas representantes do sector e durante o que se entregaron recoñecementos a tres mulleres pola súa traxectoria no mundo do mar: Dolores Gómez Ordóñez, fundadora de Mulleres Salgadas e que representa «a capacidade de organizarse e abrir camiño»; Amalia González, vicepatroa da Confraría de Camariñas, polo seu liderado, «conquistado desde abaixo, desde o traballo diario», e Mercedes Silva, Totakeki, «que representa algo tan necesario como a capacidade de contar o mar coa linguaxe de hoxe e levar o orgullo da pesca e o marisqueo ás novas xeracións». «Son tres mulleres distintas, tres xeitos de facer recoñecer o mesmo, a dignidade das mulleres do mar», subliñou.

Na súa intervención, sinalou que a provincia «non se entende sen as lonxas, as conserveiras, as redeiras, as bateas, as mariscadoras… Sen todas esas mulleres que sostiveron unha parte esencial da nosa economía e que recibiron menos recoñecemento do que merecían».

Valentín González Formoso salientou o traballo que impulsou a Deputación en colaboración con Anmupesca para elaborar o Mapa das Mulleres da Pesca, que viu a luz hai dous anos para proporcionar «unha fotografía nítida desa realidade». «Grazas a el sabemos que máis de 6.000 mulleres traballan na cadea de valora da pesca na provincia e que representan o 42 % do sector, e que no marisqueo a pé e nas redeiras a presenza feminina é de máis do 95 %, pero o máis importante non son as cifras, senón o que demostran, que sen mulleres non hai sector do mar».

O presidente provincial expresou, por outra banda, a preocupación «pola realidade que vive o sector, que non é boa». Por ese motivo, nun momento «moi difícil», quixo facer súas «as reivindicacións que saíron da Mesa Interinstitucional do Mar de Noia, que preside o alcalde, Fran Pérez». Nese senso, defendeu que a mesa «non é un instrumento de confrontación política». Pola contra, afirmou que ten «un obxectivo claro: buscar solucións conxuntas a un problema que afecta a miles de persoas».

En relación con esa problemática, insistiu na necesidade de analizar as causas da situación con estudos científicos «rigorosos», pero tamén establecer protocolos para o desembalsamento de auga nos ríos, «investir de verdade en saneamento e depuración» e, no que atinxe esa comarca en concreto, impulsar un programa «de valorización e promoción do Berberecho de Noia, unha marca propia que merece ser posta en valor».

Formoso dixo tamén que «non é aceptable» que as axudas de 700 euros anunciadas pola Xunta para mariscadoras que non poden faenar «queden en menos de 400 euros despois de cotas á Seguridade Social», e pediulle ao Goberno «que volva estar á altura do que xa fixo cando recoñeceu a dureza do marisqueo co coeficiente redutor do 0,15 para adiantar a xubilación. Que agora dea tamén unha resposta inmediata e exima ás mariscadoras de pagar cotas mentres non teñen ingresos».

O presidente da Deputación recordou que, aínda que a institución provincial non ten competencias directas en pesca e marisqueo, «ten unha responsabilidade institucional coa provincia, cos concellos e coas persoas». Por iso, apuntou, ao inicio deste mandato se decidiu crear unha área específica de Mar e Agro, e por iso a Deputación apoia cada ano con máis de medio millón de euros ás confrarías e ás agrupacións de mariscadoras, a través de axudas para contratar persoal, modernizar os equipamentos e promover os produtos do mar.

Formoso concluíu cunha «mensaxe clara» da Deputación: «Recoñecemento, si; orgullo, si; homenaxe, si; pero tamén defensa do sector, compromiso coa ría e esixencia de solucións».

Debate sobre «o pasado, o presente e o futuro» das mulleres no mar

O alcalde de Noia, Francisco Pérez Caamaño, abriu un acto no que a presidenta de Anmupesca, Pilar Otero González ofreceu un relatorio no que analizou a presenza da muller en toda a cadea de valor. Nese senso, reivindicou a contribución do traballo feminino ata o presente e de cara ao futuro do sector.

Pérez Caamaño agradeceulle á Deputación que elixise Noia para celebrar a xornada e trasladoulles ás mulleres do mar o seu recoñecemento e o do Concello. Por outra banda, insistiu no compromiso da Administración local «coa rexeneración e o saneamento da ría.

A xornada, que presentou a periodista Marta Doviro e tamén contou coa presenza da monologuista Marita Martínez sobre o escenario en diversos momentos da mañá, continuou cunha mesa redonda na que se analizaron «Pasado, presente e futuro» das mulleres no mar. Nela participaron a vicepresidenta de Mulleres Salgadas, Celia Herbón Dieste; a directora técnica de Frigoríficos de Camariñas, Verónica Canosa Carril, e a investigadora e docente da Universidade da Coruña Iria Caamaño Franco. Por parte da Federación Galega de Redeiras Artesás interveu Rosa Pardo Campaña, e da Asociación de Mulleres do Sector Pesqueiro SEO Fisterra-Ría de Muros e Noia, Ángeles Piñeiro Santos. O coloquio afondou, entre outros temas, na situación do sector e nas perspectivas sobre a produción e o relevo xeracional.