Hotel Mar do Ézaro, en Dumbría, modelo da eficiencia enerxética en establecementos turísticos

2 minutes read

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, desprazouse esta mañá ata o hotel Mar do Ézaro e ata o hostal A Pedra, dous dos establecementos beneficiarios das axudas destinadas a impulsar a mellora da eficiencia enerxética no sector turístico. Durante a visita, anunciou que está aberta unha nova convocatoria destas subvencións, que conta cun orzamento global de 9 millóns de euros para os exercicios 2026 e 2027.

Nesta convocatoria na provincia da Coruña recibiron estas achegas 45 establecementos por un importe de case 3,3 millóns de euros e concretamente na comarca de Bergantiños-Costa da Morte recibiron estos apoios ademais de Mar de Ézaro e hostal a Pedra en Dumbría, Casa Jesús en Cee, Casa Vilaverde en Coristanco e hotel Mar de Ardora Natureza e Praia en Fisterra..

No caso concreto do Mar do Ézaro, a obra consistiu na colocación dun total de 20 paneis fotovoltaicos que permiten acadar un aforro de enerxía primaria non renovable do 33,5 %, por riba do 30 % establecido como referencia. Este establecemento tamén recibiu unha axuda de máis de 17.000€ da Orde para modernización de aloxamentos e restaurante de Turismo de Galicia.

Nova convocatoria

A nova orde de axudas dispón dun orzamento de 9 millóns de euros para apoiar a execución de actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas. Deste importe, 900.000 euros corresponden á anualidade de 2026 e 8,1 millóns de euros á de 2027.

Poden acceder a estas subvencións as persoas físicas e xurídicas que teñan a consideración de pemes e sexan titulares de establecementos turísticos de aloxamento e restauración, agás as excepcións recollidas nas bases da convocatoria.

Os proxectos que se presenten deberán ter un carácter integral e incluír, como mínimo, dúas actuacións de eficiencia enerxética, xunto cunha ou máis actuacións ou investimentos relacionados co aproveitamento das enerxías renovables nos establecementos de aloxamento e restauración.

Entre as intervencións que poden recibir financiamento atópanse a mellora da envolvente dos edificios, a substitución ou renovación dos sistemas de iluminación por outros máis eficientes, así como a instalación de solucións baseadas en enerxía solar térmica, xeotermia, biomasa, aerotermia ou hidrotermia, ademais de sistemas fotovoltaicos destinados ao autoconsumo.

As solicitudes que se están presentando dentro do prazo e cumpran os requisitos establecidos nas bases serán tramitadas e resoltas por orde de entrada no rexistro. O período para presentar as solicitudes é de tres meses, iniciouse o luns 7 de setembro, permanecendo aberto ata as 20.00 horas do 7 de decembro de 2026, salvo que o crédito dispoñible se esgote con anterioridade. A intensidade da axuda dependerá do alcance do aforro acadado podendo chegar a un 50% e ata un 90%.