In Red Carballo | Compromiso para seguir avanzando nos dereitos das persoas con discapacidade

2 minutes read

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participaron este venres no foro organizado por In Red en Carballo. Ao longo da xornada, baixo o lema de In Futuro, encontros sectoriais de discapacidade en Galicia, ambas representantes autonómicas reafirmaron o compromiso da Xunta co tecido social para seguir dando pasos firmes e avanzando en dereitos.

Begoña Abeijón fixo fincapé no traballo que desenvolven as entidades sociais galegas tanto na atención, como no apoio e acompañamento ás persoas con discapacidade. Un labor que é fundamental, dixo, para estender os recursos do Goberno autonómico a todas as persoas que o precisan e chegando a todos os recunchos de Galicia.

Neste sentido, destacou a intensa colaboración da Xunta coas entidades sociais, un compromiso que se traduce nun maior investimento e apoio, co obxectivo de garantir o benestar de todas as persoas con discapacidade. Por iso, explicou que é fundamental seguir apostando por espazos de diálogo, coma este foro, que permitan o intercambio de opinións entre o sector dos coidados, as entidades e as administracións para intentar coñecer e dar resposta ás necesidades.

Ademais, lembrou que a Xunta pon cada vez máis recursos a disposición das entidades como o concerto social de prazas públicas, unha demanda histórica do sector á que o Goberno galego deu resposta. De feito, estase incrementando a dotación económica por segundo ano consecutivo para facer fronte á suba de prezos dos convenios estatais.  

Pola súa banda, a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, puxo en valor o compromiso do Goberno galego a través dos programas de formación dual e de apoios para financiar os custos salariais das persoas con discapacidade. Todo no marco da Estratexia galega de economía social horizonte 2027, que prevé a creación de 400 novas entidades e a xeración de 4.000 postos de traballo co gallo de consolidar este ecosistema.