Inaugurada a nova fábrica de Estrella Galicia no polígono de Morás en Arteixo 

2 minutes read

A empresa Hijos de Rivera inaugurou este xoves no parque empresarial de Morás (Arteixo) a que será a maior fábrica de cervexa do Estado, cunha produción de 900 millóns de litros ao ano cando estea concluída, que complementará o traballo das instalacións da Coruña. A empresa abriu esta fábrica nunha parcela de 47 hectáreas, un proxecto cun investimento global de 500 millóns de euros. Nun vídeo proxectado durante a inauguración, a compañía detalla que serve para «optimizar procesos» e «crecer de forma responsable» nun proxecto que ten en conta a economía circular e minimización de residuos. O presidente executivo de Hijos de Rivera, Ignacio Rivera, explicou que será a maior fábrica de cervexa do Estado e «unha das cinco máis grandes do continente europeo». Desvelou que a previsión do grupo é alcanzar unha facturación de 2.000 millóns de euros no ano 2030, en parte pola produción da factoría de Morás. As instalacións suman 125 persoas empregadas -que superarán as 600 cando conclúa, con 10.000 postos de traballo indirecto- e contan cun acueduto de 6 quilómetros para achegar auga aos 70 quilómetros de tubaxes do interior.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enxalzou a aposta de Hijos de Rivera por consolidar en Galicia unha industria moderna, sostible e comprometida co territorio. Neste sentido, puxo en valor o futuro impacto positivo da que é xa a maior fábrica de cervexa de España e unha das máis avanzadas de Europa. Igualmente, celebrou a súa traxectoria, que conta con 120 anos de produción, cunha fórmula que o presidente definiu como sempre baseada na mellora constante e na fidelidade ás súas orixes sendo “unha empresa familiar”. O xefe do Executivo autonómico puxo en valor o investimento previsto de máis de 400 millóns de euros para facer realidade esta infraestrutura, que considera unha mostra clara de confianza no potencial económico de Galicia, especialmente nun contexto no que o sector do consumo enfronta importantes desafíos. Destacou, ademais, que Hijos de Rivera é a única cervexeira de España que produce exclusivamente no seu lugar de orixe, un feito que cualificou de excepcional e motivo de orgullo colectivo.