Malestar en Arteixo porque a Xunta deu luz verde á implantación de tres grandes eólicos no porto exterior

1 minutes read

A Xunta ditou declaración de impacto ambiental (DIA) favorable o proxecto de parque eólico no porto exterior de Punta Langosteira, no concello de Arteixo, condicionada, en todo caso, a que se cumpran tanto o recollido no estudo de impacto ambiental e no resto da documentación avaliada, como os condicionantes e o programa de vixilancia que figuran na presente DIA.

Así consta na resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático publicada este luns no Diario Oficial de Galicia que conclúe que, tendo en conta todo o anterior, esta iniciativa empresarial, promovida por Inditex Renovables SLU, é ambientalmente viable.

Neste sentido, a DIA foi elaborada no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria do proxecto, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, cun resultado de doce organismos consultados e a presentación de distintas alegacións.

Froito das consultas realizadas, os informes emitidos realizaron a valoración correspondente e estableceron unha serie de condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

Discrepancias

Parte a veciñanza de Arteixo afirma que para eles, isto é unha noticia horrible xa que a afectación dun parque eólico no municipio levará cara unha catástrofe, e argumentan que o impacto medioambiental de todos os proxectos que a Xunta de Galicia e o Concello de Arteixo pretenden implantar no Porto Exterior é moito maior do impacto que tería a creación de outros proxectos coma o de Altri. «Hoxe temos que dicir que non, que o noso concello non quere isto para a súa cidadanía, e choramos que os políticos e políticas non defendan á xente, ao medioambiente e a saúde», conclúen