- As festas de Sofán desta fin de semana, cunha nova comisión a fronte, tamén bateron este xoves o récord de asistencia de público á parroquia para gozar do espectáculo da orquestra La Misión.
A cita estaba servida, dous festivais de djs, un na zona do areal e outro nun local de copas do lugar, serviron de reclamo na tarde noite deste sábado para encher de coches e xente os aledaños da praia de Razo ata altas horas da madrugada.
Claro está que, cando se xunta xente moza, copas e música, pode resultar doado atopar tamén algún desperfecto, relacionado coa falta de vixilancia ou, a saber, todos fomos mozos, nada irreparable.
Segundo comunicaba o Concello de Carballo nas súas redes foron varias árbores novas partidas en zonas urbanizadas recentemente e un sinal de estacionamento reservado para persoas con mobilidade reducida completamente dobrado.
Estamos de acordo que son danos no patrimonio público, en elementos que pagamos entre todas e todos e que están aí para facer as nosas rúas máis verdes, accesibles e agradables.
Os comentarios nas redes non se fixeron esperar, que si, que non, que prohibir, que non autorizar… Tamén temos que ter en conta o beneficio que este tipo de espectáculos deixa na economía local. A hostalería gaña, tamén o da carpa, os camareiros, os djs, o do xeo, os das patacas fritas, o do palco, os taxis non paraban de circular… Posiblemente entre todos eles estarían dispostos a facerlle fronte a estos mínimos desperfectos cada fin de semana si Razo estivese ata a bandeira como foi o caso deste sábado.
Se con todo isto houbese baños públicos en cantidade, igual que había nas festas de Vimianzo, ou en outras moitas, a situación sería moito máis cómoda e agradable de ver e de estar.
Casi que é preferible pagar as árbores e o sinal de Razo, que mirar o estado impoluto da Macías, As Airas, Chaquetón, A Revolta, etc. etc.
En todo caso, isto non xustifica o vandalismo, e cumpre pedir un pouquiño máis de responsabilidade, pero o mundo debe seguir xirando e dando vida a nosa xuventude e tamén ás empresas que viven da festa.