Milleiros de persoas mobilízanse pacificamente en Galicia esixindo máis dereitos sociais e liberdades

3 minutes read

Galiza Nova reivindica a resposta da mocidade galega fronte ao fascismo españolista e á represión policial, e esixe máis dereitos e liberdades públicas, así como a derrogación da Lei Mordaza. As mobilizacións dos últimos días na Coruña, nas que milleiros de estudantes e mocidade traballadora saíron ás rúas para rexeitar a presenza de Vox, demostran que a sociedade galega non está disposta a aceptar a normalización dos discursos de odio e as ideas reaccionarias no noso país. “Se algo queda claro estes días é que a mocidade galega é antifascista e que está nas rúas esixindo máis dereitos, como a vivenda, e liberdades públicas”, sinala Artai Gabiás, secretario xeral de Galiza Nova.

As mobilizacións decorreron sen incidentes en tódalas cidades galegas. “Hoxe vimos como cando a policía non intervén non hai problemas. Fica claro quen son os reponsables da violencia. O exemplo de hoxe demostra, máis unha vez, que a sociedade galega é moito máis digna e democrática do que dende fóra da Galiza nos queren dicir que é”, apunta Artai. A organización volveu denunciar a actuación desproporcionada da policía española durante as mobilizacións do pasado mércores na cidade da Coruña, con cargas nas que se empregaron porras, pelotas de goma, gas lacrimóxeno e gas pementa, provocando persoas feridas, entre elas militantes de Galiza Nova, ademais de detencións.

Galiza Nova considera que estes feitos volven poñer enriba da mesa a necesidade de derrogar a Lei Mordaza, unha norma que contribúe a limitar as liberdades de expresión, reunión e manifestación. “O Goberno español non foi quen de garantir os avances democráticos necesarios nin mecanismos efectivos para evitar os abusos policiais. Precisamos máis dereitos e garantías, non ferramentas legais que faciliten a criminalización da protesta social”, reivindican.

A organización tamén se reafirma fronte á querela presentada por Vox. “Estamos orgullosos de que unha organización racista, machista, homófoba e ultraespañolista, que alimenta o odio e ataca a nosa lingua, a nosa cultura e a nosa identidade nacional, nos teña como inimigos. Non nos van intimidar con denuncias nin coa represión: imos seguir organizando a mocidade e defendendo unha Galiza ceibe e antifascista”, sentencia Gabiás.

Galiza Nova alerta, así mesmo, da preocupante actitude do PP na Galiza que xa non se distingue da extrema dereita e reforza tamén os bulos para non mobilizarse como vimos estes días, á vez que branquea os discursos de odio. Isto ten consecuencias graves no noso país, como exemplo, sinala a agresión sufrida por un compañeiro da CIG nas Pontes, que acabou no hospital tras ser atacado por un ultradereitista ao berro de «rojo de mierda» e «nacionalista de mierda». “Preocúpanos a violencia contra quen defende os dereitos sociais e nacionais, contra as persoas migrantes, as mulleres ou o colectivo LGBT+, mentres se normalizan os discursos que alimentan esa discriminación. O PP ten unha dobre vara de medir e contribúe a crear o caldo de cultivo para estas agresións”, denuncia Gabiás.

Fronte a esta realidade, Galiza Nova reivindica o nacionalismo galego de base popular como unha ferramenta fundamental para combater o fascismo e defender os dereitos colectivos. A organización lembra que a mocidade galega sofre a precariedade laboral, os baixos salarios, as dificultades para acceder a unha vivenda digna e a emigración forzada, problemas que vincula co sistema capitalista e coa dependencia política e económica da Galiza.

“Ser nacionalista hoxe na Galiza é tamén ser antifascista. Fronte a quen pretende dividir a sociedade e sinalar os colectivos máis vulnerábeis, defendemos un país no que ninguén sexa discriminado pola súa orixe, pola súa orientación sexual, polas súas ideas ou pola lingua que fala”, engade Gabiás.

Por iso, Galiza Nova chama a manter a mobilización nas rúas e a reforzar a organización colectiva da mocidade, participando tamén nas próximas convocatorias sindicais e estudantís, como a folga xeral do 11 de novembro convocada pola CIG e a folga estudantil de Erguer. A organización reafirma que continuará na primeira liña da loita contra o fascismo e a represión, en defensa dos dereitos sociais e das liberdades democráticas.