O Programa Integrado de Emprego celebrado na Laracha acadou unha inserción laboral do 55 % dos participantes

2 minutes read
Arquivo.

Concluíu o Programa Integrado de Emprego que se celebrou na Laracha durante o último ano. E fíxoo cun balance moi positivo ao acadar unha taxa de inserción laboral do 55 % entre as 100 persoas participantes, superando en doce puntos porcentuais o obxectivo mínimo establecido inicialmente, que era do 43 %. Este resultado pon de manifesto a importancia de impulsar iniciativas que melloren a cualificación profesional e faciliten o acceso ao mercado laboral das persoas en situación de desemprego.

Ao longo dos doce meses de duración, o programa ofreceu formación adaptada ás oportunidades laborais da Laracha e da súa área de influencia. Entre as accións desenvolvidas figuran as especialidades de recepción e atención ao cliente, operacións de caixa e reposición, xestión loxística, condución de carretillas elevadoras, seguridade e hixiene na industria alimentaria, primeiros auxilios e soporte vital básico, coidados no comedor escolar, administración e aplicacións informáticas de xestión e introdución á intelixencia artificial. Tamén se traballaron competencias transversais relacionadas coa intelixencia emocional, a motivación, as habilidades comunicativas e a busca activa de emprego, así como o emprendemento cooperativo.

A iniciativa complementouse coa orientación individualizada, a prospección de ofertas laborais e a colaboración con empresas da contorna para promover prácticas non laborais e facilitar o contacto entre as persoas participantes e o tecido empresarial. Ademais, o programa incorporou medidas de conciliación e unha bolsa de dez euros por día de asistencia co propósito de favorecer a participación e o aproveitamento das accións propostas. O Concello valora estes resultados como un estímulo para continuar desenvolvendo políticas activas de emprego orientadas a mellorar a formación, reforzar as competencias profesionais e ampliar as oportunidades laborais da veciñanza. Neste labor resulta fundamental o apoio da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, así como do Servizo Público de Emprego Estatal que fixeron posible o desenvolvemento deste Programa Integrado de Emprego.