Muxía acolle a exposición “Sinaladas”, un percorrido pola loita das mulleres galegas no século XX

3 minutes read

Muxía acolle desde este xoves a exposición itinerante da Deputación da Coruña «Sinaladas. A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión», que poderá visitarse ata o día 12 na sala Gervasio Sar do Edificio Servizos Múltiples. A inauguración da mostra, que recupera e pon en valor a memoria de mulleres galegas que protagonizaron loitas sociais, políticas e colectivas ao longo do século pasado, tivo lugar onte coa presenza da deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra; do alcalde de Muxía, Javier Sar; da concelleira de igualdade, Aurelia Picallo Merlán e da psicóloga do CIM, Nerea Spata.

Durante a presentación, Sol Agra destacou a importancia de continuar recuperando unha parte da historia que durante décadas permaneceu oculta. «Desde a área de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación mantemos o compromiso coa divulgación da historia que nos agocharon, nomeadamente a das mulleres, pioneiras e reivindicativas, así coma a das loitas colectivas da época», sinalou. A deputada explicou que «Sinaladas» pon o foco en mulleres que sufriron persecución e represión por defender os seus dereitos e por cuestionar as inxustizas do seu tempo. Moitas delas foron silenciadas ou quedaron fóra do relato histórico posterior.

Neste sentido, Agra subliñou que a exposición pretende contribuír a recuperar esa memoria e dar visibilidade tanto a figuras coñecidas como María Casares como a outras mulleres menos recoñecidas, entre elas as mestras asasinadas ou represaliadas tras o golpe de Estado de 1936. Segundo destacou, «Sinaladas» nace precisamente para romper con ese silencio e recuperar a memoria das mulleres que, desde diferentes ámbitos, contribuíron ás loitas pola igualdade, polos dereitos e pola xustiza social.

A presenza da mostra en Muxía permitirá tamén achegar estes contidos ás novas xeracións, facilitando que a exposición poida ser visitada por persoas de diferentes idades e, especialmente, polo alumnado. O obxectivo é contribuír a que as xeracións máis novas coñezan as experiencias de tantas mulleres que sufriron represión e exclusión, pero que tamén participaron activamente na construción dunha sociedade máis igualitaria e democrática.

Un século de historia a través de 540 mulleres
«Sinaladas» é unha iniciativa posta en marcha polo departamento de Cultura da Deputación da Coruña en 2023 coa finalidade de recuperar e divulgar a presenza das mulleres e dos movementos feministas e activistas na historia contemporánea de Galicia.

A exposición propón un percorrido de aproximadamente cen anos, desde finais do século XIX ata o remate do século XX, mostrando tanto as conquistas acadadas como os episodios de persecución, represión e exclusión que marcaron a vida de numerosas mulleres.

A mostra está composta por 39 paneis, 284 apartados e 373 imaxes, a través dos que se recupera a historia de 540 mulleres. Os contidos distribúense en trece estruturas, unha inicial de presentación e outras doce organizadas por diferentes períodos e temáticas.

Os primeiros bloques están dedicados ás décadas anteriores a xullo de 1936 e ás dificultades ás que tiveron que facer fronte as primeiras mulleres que participaron nas loitas sociais e políticas. A segunda parte aborda o período comprendido entre o golpe de Estado de 1936 e a disolución da guerrilla, prestando especial atención á represión sufrida polas mulleres.

Finalmente, a exposición percorre a posguerra e os anos posteriores, mostrando como a represión e as desigualdades se prolongaron durante a ditadura franquista e como, malia todo, as mulleres continuaron mantendo as súas loitas e reivindicacións, contribuíndo de maneira decisiva á chegada da democracia.