Novo vehículo para o Servizo de Axuda no Fogar do Concello da Baña

1 minutes read
  • A través dunha achega provincial, financiouse o custo íntegro do coche, que permitirá facilitar os desprazamentos das traballadoras que prestan atención domiciliaria á veciñanza.

A deputada de Servizos Sociais, Mar García, participou no acto de entrega do vehículo, un Dacia Sandero híbrido adquirido grazas ao programa de subvencións da Deputación para a adquisición de vehículos destinados ao SAF. Trátase dun modelo que funciona con gas (GLP) e gasolina e conta con etiqueta eco, contribuíndo así ao aforro en combustible e á sustentabilidade ambiental.

A entrega do coche tivo lugar nas inmediacións do Concello, onde o representante da empresa Talleres Baleato, Daniel Rodríguez, fixo entrega das chaves á concelleira de Acción Social da Baña, Mónica González. No acto tamén estiveron presentes o alcalde, José Antonio Pereira; o concelleiro de Obras, Jesús Pena, e a traballadora social do municipio Laura Senra.