O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Cultura, Patricia Bello, recibiron aos irmáns Lucía e Andrés Naya Varela, veciños de Caión, para felicitalos polo éxito que lograron recentemente no Brasil, onde se proclamaron campións do mundo de folclore na categoría de pares e duetos, equivalente a parellas.
Os dous irmáns participaron no FIDAF Brazil World Championship 2026, a que foi a 22ª edición do Campionato do Mundo de Folclore organizado pola Federation of International Dance Festivals (FIDAF) en colaboración co Festival Internacional de Folclore de Nova Prata do estado de Río Grande do Sul, celebrado do 2 ao 6 de setembro.
Andrés e Lucía viaxaron ao Brasil coa coruñesa asociación Xacarandaina nunha expedición formada por 29 persoas. Con esa entidade, na categoría de grupos quedaron segundos clasificados (subcampións do mundo) e lograron o premio ao mellor vestiario.
O alcalde, José Manuel López Varela, trasladoulles a súa felicitación e destacou o valor do logro acadado polos dous irmáns. “Detrás deste título de campións do mundo hai moitas horas de ensaio, dedicación e compromiso coa música e co baile tradicional”, sinalou. O rexedor tamén salientou o significado de que dous mozos de Caión alcanzasen este recoñecemento nunha competición internacional. «Levar o nome de Caión e da Laracha a Brasil e conseguir alí un título mundial é algo moi especial. E facelo, ademais, representando a nosa cultura e o noso folclore, demostra a capacidade que ten a tradición galega para cruzar fronteiras e ser valorada e recoñecida en todo o mundo”, concluíu.
López Varela puxo igualmente en valor a experiencia compartida con Xacarandaina e os resultados obtidos pola formación coruñesa no campionato. Durante a recepción, Lucía e Andrés compartiron co alcalde e coa concelleira as súas vivencias durante a viaxe e a participación nas diferentes actividades e competicións celebradas en Brasil.
O título mundial conseguido polos dous irmáns de Caión culmina unha experiencia internacional que tamén os levou a participar noutro festival que se celebrou na localidade de Imigrante.
