- Pontón presenta as candidatas ás alcaldías de Cabana, Ponteceso, A Laracha e Laxe: “Catro mulleres, catro futuras alcaldesas”
- Tatiana Rellán, Fátima Rodríguez, Carolina Castiñeiras e Cristina Vázquez asumen o reto de liderar gobernos que melloren os concellos e a súa vida
A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto de presentación das candidatas do BNG ás alcaldías de Cabana de Bergantiños, Ponteceso, A Laracha e Laxe nas eleccións municipais de 2026, cita coas urnas na que o BNG aspira a estender o modelo municipal de éxito de Carballo por todos os concellos de Bergantiños.
“Catro mulleres, catro excelentes candidatas e catro futuras alcaldesas”, destacou Pontón de Tatiana Rellán, Fátima Rodríguez, Carolina Castiñeiras e Cristina Vázquez, respectivas cabezas de lista en Cabana, Ponteceso, A Laracha e Laxe, os concellos da comarca nos que as candidatas xa foron elixidas nas correspondentes asembleas.
A portavoz nacional subliñou a importancia dos gobernos locais como administración máis próxima á veciñanza e, neste punto, reivindicou o modelo municipal de éxito do BNG á hora de resolver os problemas da xente.
Un modelo, alegou, que pon as persoas no centro, transforma en positivo, xestiona con eficacia cada euro e mellora a vida das persoas. “Ese modelo municipal de éxito é o que temos en Carballo e é o que queremos estender por todos os concellos da comarca de Bergantiños”, asegurou.
Pontón exemplificou a maneira de gobernar do Bloque en Carballo, un referente no económico, no social e no cultural e un modelo a seguir. “Ese modelo que funciona é o que queremos para toda a comarca”, incidiu, para subliñar a continuación que os gobernos municipais do BNG demostran que hai outra forma posible de facer política.
Gobernos, afondou, que demostran que se pode ter servizos públicos e un urbanismo de calidade, que son capaces de xerar dinamismo económico apostando polo comercio de proximidade e polo tecido empresarial local e que defenden concellos en igualdade, feministas, inclusivos e diversos.
“O BNG está no seu mellor momento, máis forte que nunca, pero non nos conformamos, queremos máis porque Galiza merece máis e porque a Galiza en grande que merecemos constrúese tamén desde os concellos e, por iso, precisamos máis BNG nos concellos de Bergantiños e de todo o País”, afirmou.
A líder nacionalista augurou que o Bloque será a forza política que máis medre nas municipais do próximo 23M e, para conseguilo, apelou á interlocución directa coa cidadanía coa man tendida e cun sorriso na boca.
“Imos a por todas, sen poñernos límites, con humildade, pero coa máxima ambición, porque o noso obxectivo, o obxectivo das nosas candidatas e futuras alcaldesas é darlle á veciñanza os concellos en grande que merecen”, proclamou.
Neste sentido, indicou que na cabeza e no corazón de moitos veciños e veciñas hai “unha enorme ilusión e unha enorme esperanza co BNG” porque queren outra forma de facer política, desde a confianza e o amor polo propio. “Dicirlles que non os imos defraudar, que imos estar á altura e traballar desde os concellos para mellorar as súas vidas”, concluíu.
