O BNG, da man da deputada e do deputado no Parlamento de Galicia Saleta Chao e Luís Bará, rexistrou unha batería de propostas esixindo a mellora urxente da seguridade viaria na AC-411, que une Santa Comba con Mazaricos, en liña coas reclamacións da veciñanza da parroquia da Pereira, especialmente no treito que vai do quilómetro 0 ao quilómetro 2.
Dita estrada leva anos presentando eivas en canto á drenaxe de augas, con asolagamentos constantes cada vez que chove, provocando dificultade no tránsito, problemas para a veciñanza como inundacións en propiedades privadas, e até accidentes viarios, tal e como explicou a propia veciñanza nunha reunión con Saleta Chao e Xoán David Sixto, portavoz municipal do BNG de Santa Comba, que se achegaron para comprobar in situ a situación.
“Unha situación que leva anos producíndose sen que nin Xunta nin Concello asuman as súas responsabilidades”, explica Sixto, “tal e como se aprecia nas reclamacións que as veciñas e os veciños xa dirixiron a ambas administracións e incluso á Valedora do Pobo”.
Saleta Chao apuntaba que “é necesario realizar un traballo urxente de mantemento para unha correcta recondución de canles de augas en regatos e mananciais”, sinalando que debería “ir na dirección do río, que está a soamente uns 500 metros desde a estrada”.
Unha situación, en resumo, que pon en perigo tanto ás persoas usuarias da vía como á veciñanza, e que o BNG reclama para que tanto Xunta como Concello asuman as súas responsabilidades en beneficio de Santa Comba e das persoas que empregan o seu coche por esta AC-441.
