Faino logo da recente decisión da Xunta de de eliminar as consultas médicas que viñan desenvolvéndose no centro de saúde os sábados pola mañá. Os nacionalistas lembraron que a localidade tamén leva dous anos sen pediatra e as familias teñen que desprazarse ata Muros para que as súas crianzas sexan atendidas por un especialista.
Os nacionalistas sinalaron que a decisión da Consellería de Sanidade de deixar sen servizo o centro médico os sábados pola mañá enmárcase nos cambios decididos polo goberno galego para os Puntos de Atención Continuada (PAC), e que quedaron definidos nun “decretazo” que agrava a situación do sistema sanitario público.
As medidas implicarán a variación nos horarios de atención, incluíndo o peche de centros de saúde que ata o de agora abrían os sábados. Segundo explicou a formación nacionalista, isto obrigará a moitas persoas a desprazarse a outros puntos asistenciais máis afastados dos seus domicilios, como ocorre no caso dos pacientes do centro de saúde de Carnota, que terán que ir ata o PAC de Muros para ser atendidos.
O dirixente do BNG de Carnota, e candidato á alcaldía para as vindeiras eleccións municipais, Primitivo Pedrosa, manifestou que “o Partido Popular recorta cada día máis os servizos públicos, como os da sanidade en Carnota; énchese a boca de dicir que apoian ao rural, pero a este paso imos quedar catro neste pobo, porque a xente marcha para onde hai servizos”.
Pedrosa afirmou que “a veciñanza está farta de ver como a Xunta está deteriorando a sanidade e quitando recursos á atención primaria”, e indicou que “cada visita de Alfonso Rueda a Carnota conleva a perda de servizos; hai dous anos quitáronnos o pediatra, e agora eliminan a atención sanitaria os sábados. Case mellor que o presidente da Xunta se quede en Santiago de Compostela”.
Ademais, o representante do BNG carnotá criticou que o Concello non teña informado dos cambios na xestión sanitaria realizados polo goberno galego. “É incomprensible que o goberno municipal non se preocupe por un servizo tan importante para os veciños e veciñas de Carnota”, insistiu Primitivo Pedrosa.