O BNG de Laxe apoia e solidarízase co seu compañeiro Tito, tras a difusión realizada por ‘DaniDesokupa’

1 minutes read

O BNG de Laxe manifesta publicamente o seu apoio e solidariedade co compañeiro Tito, tras a difusión realizada por Dani Esteve, coñecido nas redes sociais como DaniDesokupa, dun vídeo publicado polo BNG con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+.

No vídeo, Tito participaba nunha mensaxe en defensa da liberdade, da diversidade e dos dereitos das persoas LGTBIQ+. A formación nacionalista denuncia que Esteve decidiu expoñer e sinalar a unha persoa concreta —un veciño de Laxe— ante unha audiencia masiva, xerando unha situación que pode derivar en burla, insultos ou ataques homófobos.

O BNG de Laxe rexeita rotundamente calquera tipo de mensaxe de odio e lembra que quen conta cun altofalante público debe ser consciente da responsabilidade que implica difundir contidos que poidan fomentar o acoso ou a discriminación.

A organización subliña que non vai mirar para outro lado e que continuará defendendo con firmeza os dereitos LGTBIQ+, a liberdade e a diversidade. “Tito participou nese vídeo porque cre nun Laxe no que cada persoa poida ser quen é, amar a quen queira e expresarse libremente. E nós estamos orgullosas e orgullosos de que o fixese”, sinalan desde o BNG.

A formación diríxese tamén directamente a Dani Esteve: “Non conseguirá que renunciemos á defensa dos dereitos LGTBIQ+ nin que calemos diante da homofobia.”

Finalmente, o BNG de Laxe quere enviar unha mensaxe clara ao seu compañeiro:

Tito, non estás só. Tes ao teu lado ás túas compañeiras e compañeiros, ao BNG de Laxe e a unha organización que non permitirá que o sinalamento ou os ataques homófobos convertan a defensa da diversidade nun motivo para ter medo.

🏳️‍🌈 Fronte á homofobia, máis liberdade, máis orgullo e máis dereitos.Todo o noso apoio, Tito, conclúen.