Os nacionalistas sinalaron que, no marco da degradación do servizo sanitario na comarca, existen doentes que, ao pedir cita en centros de atención primaria, como no caso de Cee, Vimianzo e Muxía, sofren demoras de ata quince días para ser atendidos polo médico ou médica de cabeceira.
O BNG indicou que, no caso de Cee, o atraso no centro médico chega ás dúas semanas, e en Vimianzo e Muxía os pacientes que actualmente están a solicitar unha cita médica están agardando 13 e 12 días, respectivamente. “É inadmisible que haxa persoas que teñan que esperar ata dúas semanas para recibir un servizo na atención primaria”, advertiu a organización nacionalista.
Así mesmo, alertou tamén do empeoramento nas listas de agarda para consultas e operacións cirúrxicas na área sanitaria A Coruña-Cee, na que se enmarca a Costa da Morte, tal e como vén de recoñecer publicamente esta semana o xerente de dita demarcación. “Existe unha deterioración progresiva da sanidade, sen que o goberno galego mova un dedo para pór remedio á situación”, subliñou o BNG.
Desde a formación nacionalista lembraron ademais que a Xunta segue sen cubrir as prazas de pediatría vacantes en Carnota, Fisterra, Camariñas e Zas, co prexuízo que supón para as familias que teñen que usar ese servizo para a atención das súas crianzas.
O responsábel comarcal do BNG, Xurxo Rodríguez Baña, afirmou que “a pésima xestión e a nula previsión amosan unha vez que a Xunta do PP ten abandonada á sanidade pública na Costa da Morte, non pode ser que estes veciños e veciñas teñan que esperar máis de 10 días para ser atendidos. E agora coa vindeira folga de médicos, alentada tamén polo PP, as citas van a demorarse aínda máis”.
