O deputado do BNG pola comarca, Oscar Insúa, denunciou tras escoitar no Pleno ao conselleiro de Educación a falta de vontade do Goberno do PP na Xunta a dar solución aos alumnos e alumnas que non teñen praza de comedor nos centros de educación e infantil (CEIP) Bergantiños e Fogar, no Concello de Carballo.
“O comedor escolar no é un luxo, non é un privilexio e non debería ser unha lotaría”, advertiu durante unha pregunta na que detallou que este curso son un total de 66 os alumnos e alumnas que non teñen praza, 37 no CEIP Bergantiños e 29 no Fogar.
Ademais da falta de resposta a un problema que afecta á conciliación das familias, o deputado nacionalista criticou a falta de planificación por parte do Goberno do PP, pois as listas de agarda para os comedores escolares non son unha novidade deste curso, senón un problema que se arrastra de anos anteriores. “Que fixeron para evitar que a situación se repetise? Porque as listas de agarda dun curso deberían servir para planificar o seguinte, non para volver empezar o curso cos mesmos problemas”, apuntou.
Insua reclamou ao conselleiro Román Rodríguez solucións reais e que escoite as familias afectadas, subliñando neste punto o seu “silencio” ao escrito que lle foi remitido polas nais e pais do CEIP Bergantiños, que “non quedaron de brazos cruzados” e reclamaron unha avaliación técnica das instalacións para estudar posibles obras de ampliación ou adaptación dos espazos do centro.
“É fixeron unha petición moi razoable, que a ampliación do comedor non supoña perder a biblioteca escolar”, engadiu o deputado do BNG durante o debate, que foi seguido desde a tribuna de convidados por unha representación das familias do CEIP Bergantiños, que estiveron acompañados polo alcalde, Daniel Pérez, e o concelleiro Ramón Varela.
Na pregunta en Pleno, Insua subliñou as consecuencias que ten para as familias non ter praza de comedor: “Son pais e nais que traballan, que teñen que reorganizar os seus horarios ou recorrer a outras persoas para atender os seus fillos e fillas, incluso escoller un colexio que non é o seu de referencia para atopar un servizo que non ten no seu, que é o que lles ocorre a moitas destas familias”.
“Señor conselleiro, onde está a igualdade de oportunidades?”, preguntou en alusión ás limitacións para o alumnado escolarizado fóra da súa área de influencia pois, tal e como explicou, “unha familia pode perder o dereito a comedor por escoller un centro distinto do que lle corresponde, mesmo cando o centro de referencia non dispón dese servizo”. Isto é, subliñou, o que lles sucede a algunhas das familias de Carballo.
Modificación legal para corrixir unha situación inxusta
É por iso que, para “corrixir esta situación”, o deputado da comarca emprazou o conselleiro a modificar, xa na lei de acompañamento aos orzamentos de 2027, o decreto 132/2013. “Sería o xusto e o razoable, porque algunhas destas familias foron privadas do dereito ao comedor e están en lista de agarda porque o colexio de referencia non era o que lles correspondía, pero o escolleron porque o seu colexio non tiña este servizo”, afondou.
Tras escoitar ao conselleiro, Insua lamentou a falta de resposta ás familias e a falta de vontade para solucionar o problema.
