O Concello da Laracha renovou a Bandeira Verde de Galicia polo seu compromiso coa sustentabilidade

2 minutes read

O Concello renovou a Bandeira Verde de Galicia, distintivo co que a Xunta recoñece aos municipios que destacan polo seu compromiso coa protección da paisaxe, a sustentabilidade ambiental e a mellora da calidade de vida da veciñanza. O tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, recolleu este mércores a bandeira de mans da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez no acto celebrado no concello de Vedra.

Con esta nova concesión A Laracha mantén por quinto ano consecutivo a Bandeira Verde, sendo o único municipio de Bergantiños e da Costa da Morte que a obtén e un dos 39 concellos galegos distinguidos.

Este recoñecemento avala o traballo desenvolvido polo Concello a través de actuacións orientadas á mellora dos espazos urbanos, á eficiencia enerxética, á mobilidade sostible, á correcta xestión dos residuos e á conservación e posta en valor do patrimonio natural e cultural.

Entre as iniciativas destacadas están a humanización de rúas nos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión, así como o proxecto de mellora dos accesos ao CEIP Otero Pedrayo actualmente en fase de contratación.

A eficiencia enerxética constitúe outro dos eixes fundamentais coas melloras implantadas en edificios e instalacións municipais mediante a instalación de paneis fotovoltaicos co propósito de reducir o consumo e avanzar cara un modelo máis sostible reducindo as emisións de CO2.

No ámbito da xestión ambiental, o Concello continúa promovendo a recollida separada do lixo e a compostaxe como alternativa para reducir a cantidade de residuos xerados. Ademais, reforzou os recursos para facilitar a súa correcta xestión coa posta en marcha do punto limpo móbil.

Tamén cabe salientar actuacións orientadas á conservación e á divulgación dos valores ambientais e patrimoniais do municipio, apartado no que figuran a posta en valor da ribeira de San Fins e do Castro de Montes Claros, así como a promoción de rutas por contornas fluviais.

Estas iniciativas compleméntanse co proxecto Alanat, centrado na conservación ambiental de espazos naturais, e co Plan Municipal de Mobilidade Sostible (PMUS), xa aprobado, que establece un marco de actuación para unha mobilidade máis segura, eficiente e respectuosa co medio ambiente.

A renovación da Bandeira Verde de Galicia supón un novo recoñecemento ao traballo municipal nestes ámbitos e reafirma o compromiso do Concello da Laracha de continuar impulsando medidas que compatibilicen a mellora dos servizos e dos espazos públicos coa protección da contorna, a eficiencia no uso dos recursos e o desenvolvemento sostible do municipio.