O BNG pide á Xunta que suspenda a modificación do camiño Fisterra-Muxía ao seu paso por Estorde

2 minutes read

O BNG, a través do deputado Oscar Insua vén  de solicitar á Xunta de Galiza que suspenda calquera avance na ocupación urxente das parcelas afectadas polo proxecto de modificación do camiño Fisterra- Muxía mentres non se reúna coas persoas afectadas do lugar de Estorde, no concello de Cee.

Insua e o voceiro municipal do BNG, Serxio Domínguez, mantiveron unha xuntanza esta semana con veciños afectados, e indicaron que dito proxecto foi sometido ao trámite de información pública mediante anuncio do 17 de abril do presente ano, e publicado no Diario Oficial de Galiza o 5 de maio.

Varios propietarios que se verían prexudicados presentaron o 3 de xuño unha alegación conxunta ante Turismo de Galiza na que, ademais de cuestionar a solución proxectada, expuxeron alternativas de trazado que poderían permitir acadar os obxectivos da actuación cunha afección considerablemente menor sobre as propiedades particulares.

Entre as alternativas formuladas polos afectados atópase unha proposta que permitiría actuar sen necesidade de expropiacións, así como outra baseada no aproveitamento do antigo Camiño Real a Fisterra, tamén identificado como Corredoira da Amarela a Fisterra, que podería reducir de maneira significativa o número e alcance das expropiacións previstas.

A resposta de Turismo ás alegacións foi a de desestimar a proposta de cambiar a traza, ao considerar que a solución que pretende a administración autonómica responde adecuadamente aos obxectivos de seguridade viaria, mobilidade peonil e protección dos peregrinos que xustifican a actuación.

A contestación administrativa foi asinada electronicamente o 19 de xuño polo xefe de área. Non obstante, esta foi notificada ás persoas afectadas o día 10 de setembro, é dicir, casi tres meses despois de ser firmada, e xusto nove días despois da aprobación definitiva do proxecto polo Consello da Xunta, que se produciu o 1 de de setembro.

O BNG sinalou que a ratificación do proxecto por parte do Goberno galego implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e a adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, así como a urxencia da ocupación dos terreos para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición de servidumes.

Oscar Insua manifestou que “desde o BNG dámoslle todo o noso apoio aos veciños de Estorde, e por iso imos reclamar no parlamento que Turismo de Galiza recapacite, convoque unha xuntanza inmediata cos afectados para estudar as alternativas ao trazado para buscar a mellor solución para todos, e que suspenda as expropiacións urxentes mentres tanto, evitando ter que acabar nos xulgados”.

O parlamentario nacionalista incidiu en que “a alternativa presentada polos veciños é unha oportunidade de poñer en valor Estorde. O paso do camiño xacobeo polo medio, axudaría a desenvolver o potencial do lugar en todos os aspectos”.