O BNG urxe axudas específicas para que os concellos afronten a suba do prezo dos combustibles

3 minutes read

O portavoz de Administración Local do BNG no Parlamento, Oscar Insua, defendeu na Comisión 1ª unha iniciativa para reclamarlle ao PP na Xunta que habilite unha liña de axudas específicas para que os concellos galegos afronten a suba do prezo dos combustibles e a enerxía sen poñer en risco a prestación e a calidade dos servizos que prestan á veciñanza, como a recollida do lixo, a limpeza viaria ou o mantemento de edificios públicos.

“Os concellos xa teñen unha situación financeira complexa e teñen que afrontar agora unha suba extraordinaria dos custos enerxéticos que non está contemplada nos seus orzamentos”, expuxo o deputado nacionalista, quen advertiu que “non podemos pedir aos concellos que presten máis servizos e que soporten máis custos e, ao mesmo tempo, dicirlles que arranxen cos mesmos recursos”. “Se queremos servizos municipais de calidade, necesitamos financiación suficiente”, engadiu.

É por iso que a iniciativa do BNG insta tamén á Xunta a reclamar máis medidas ao Goberno do Estado, porque as aprobadas no último Consello de Ministros para paliar a suba dos prezos do petróleo e gas resultan insuficientes, pois aínda que alivian parcialmente a factura “non crean por si mesmas, un mecanismo específico para compensar as entidades locais”.

Trátase, resumiu, de que as administracións con competencias actúen para que “unha crise no prezo da enerxía non se converta nunha crise na prestación dos servizos públicos”, ao tempo que advertiu que os concellos non poden deixar de limpar as rúas nin apagar a calefacción dunha escola infantil ou desistir na prestación de servizos sociais.

Insua aproveitou a súa intervención para denunciar ademais o retraso do PP na Xunta na presentación da nova Lei de Administración Local de Galicia que, segundo o anunciado, debe mellorar a financiación dos concellos. O Executivo, lembrou, comprometeuse a remitir ao Parlamento no segundo semestre do ano pero que segue “pendente de aprobación”.

“Os concellos non poden continuar indefinidamente esperando por unha reforma que debe mellorar polo menos o seu marco financeiro”, criticou, para engadir que “as facturas non esperan pola tramitación parlamentaria, e os servizos públicos tampouco”.

O PP votou en contra da iniciativa do BNG.

O BNG de Vimianzo lamenta que o goberno municipal rexeite as súas propostas

Neste caso, os nacionalistas afirman que a proposta era para avanzar nos proxectos de saneamento en Caxadas, Roalo, Lavandeira, Cerbán e Padreiro, así como na construción dunha senda peonil en Padreiro.

O portavoz municipal do BNG, Bexamín Queiro, afirmou que “a veciñanza dos núcleos afectados leva tempo demandando maior seguridade vial por mor da velocidade, ademais de servizos esencias como o saneamento. Por este motivo, non podemos comprender a negativa do Concello a aproveitar esta nova oportunidade”.

Segundo os nacionalistas, a Deputación, como titular da vía tería que promover a senda peonil en Padreiro. Polo que acusan á alcaldesa de defender os seus intereses na Deputación, en vez de defender os intereses da veciñanza.

Maior incredulidade causou no BNG a negativa do goberno local a reconsiderar a localización da pista multideporte. Para a formación nacionalista, a alcaldesa escudouse en criterios técnicos para rexeitar a súa proposta. Sen embargo, o BNG defende que o cambio de localización é unicamente unha cuestión de vontade política e lembra que a Lei do Solo de Galicia contempla diferentes solucións para a implantación da pista nas parcelas propostas.