Con motivo do Día Mundial de Toma de Conciencia do Abuso e Maltrato na Vellez, que se conmemorou o 15 de xuño, o Centro Residencial de Arteixo presentou no a exposición «O bo trato vese», unha mostra que busca reivindicar unha mirada positiva e humanizadora sobre o envellecemento e as persoas maiores.
A través de imaxes, esta mostra visibiliza o valor das persoas maiores, poñendo o foco no bo trato como motor de cambio social, afectivo e institucional. Un chamamento á sociedade para substituír prexuízos e paternalismos por vínculos baseados no respecto, na igualdade e na dignidade; e ver a vellez con outros ollos: dende a sabedoría, a memoria viva, a tenrura e a potencia de seguir sendo parte activa da comunidade.
Así mesmo, «O bo trato vese» tamén se conforma como unha homenaxe e recoñecemento ás persoas profesionais do ámbito da xeriatría e dos coidados, que día a día traballan con compromiso, sensibilidade e respecto para garantir unha vida digna e plena ás persoas maiores. O seu labor é clave para construír contornas de coidado sen violencia, baseados na proximidade, na escoita e na calidez humana.