O Concello de Zas contará durante o curso 2026-2027 cunha nova edición do programa ‘Os Ratos de Lonxedetodo’, desenvolvido por Trinketrinke Teatro, unha proposta cultural dirixida ao público infantil que achegará o teatro, a narración oral e a música ás bibliotecas de Zas e Baio.
A programación desenvolverase semanalmente entre os meses de novembro e maio e incluirá un total de sete propostas teatrais adaptadas aos máis pequenos. As sesións terán lugar os martes en Zas, ás 18:30 horas, e os mércores en Baio, ás 18:00 horas.
A primeira función será a vindeira semana, os días 3 e 4 de novembro, baixo o título ‘Unhas botas misteriosas’. A partir de aí, o calendario continuará en decembro con ‘Unha praia particular’; en xaneiro, con ‘Lonxedetodo, un modelo de comunidade’; en febreiro, con ‘Animais do bosque’; en marzo, con ‘A avoa Violeta’; en abril, con ‘Un invento para chegar ao ceo’; e en maio, con ‘Viaxe a Brasil!’.
A través destas sesións, o programa propón un achegamento ao mundo das artes escénicas mediante historias, música e representacións pensadas para espertar a imaxinación e o interese pola cultura entre o público infantil.
O programa é de balde, pero as prazas dispoñibles son limitadas. As familias interesadas en recibir máis información ou formalizar a inscrición poden facelo a través dos teléfonos 981 75 13 98 e 981 71 80 56.
