O Concello de Camariñas celebrou unha sesión ordinaria do pleno da corporación para debater, entre outros puntos, a solicitude da declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia o Carme de Camariñas, unha proposta de “profundo significado e de xustiza coa nosa historia, o noso patrimonio e o noso pobo”, sinalou a alcaldesa, Sandra Insua, na súa intervención.
Tal e como recolle o rigoroso traballo histórico e técnico do profesor Xan Fernández Carrera, así como os informes emitidos pola Policía Local e a Asociación Solpor Costa da Morte, estas festas manteñen elementos singulares de valor incalculable.
Camariñas foi un dos primeiros portos galegos en introducir a devoción carmelita xa no primeiro terzo do século XVIII, así como en organizar a procesión marítima e a ancestral Danza de Arcos (documentada desde os anos vinte do século pasado).
É unha celebración que mobiliza de xeito masivo á nosa veciñanza e atrae miles de visitantes, maximizando a ocupación hostaleira e xerando un dinamismo económico fundamental para o comercio local e da Costa da Morte.
“Hoxe é un día de especial relevancia para a nosa historia, recente e pasada, e quero agradecer a responsabilidade política de todos os grupos que integran a Corporación. O Carme de Camariñas merece estar coas celebracións máis grandes da nosa Comunidade Autónoma: o San Xoán da Coruña, o Arde Lucus, a Romaría Vikinga de Catoira, o Apóstolo ou a Festa do Albariño, entre outras. Chegou o momento”, finalizou a rexedora na presentación do debate deste punto.
Contou coa aprobación do Pleno, á súa vez e por unanimidade, o plan de actuación municipal ante o risco de incendios forestais do Concello de Camariñas. Este documento foi elaborado por técnicos municipais e para o seu financiamento obtívose unha axuda da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia por un total de 2.773,11 euros. Identifica 39 elementos vulnerables do noso concello, analiza a rede viaria, as faixas secundarias de protección e a localización dos puntos de auga. Estrutura a resposta municipal ante unha catástrofe natural desta índole.
A aprobación inicial do expediente de modificación de créditos 22/2026 contou cos votos favorables do equipo de goberno, e as abstencións do Partido Popular e o Bloque Nacionalista Galego. Este punto, de estrito carácter técnico e orzamentario, ten por obxectivo fundamental o reaxuste económico para dotar ás partidas requiridas (arrendamento de maquinaria, actuacións sectoriais e de mantemento, atencións protocolarias e outros gastos) dun reforzo económico, aproveitando a existencia de créditos suficientes noutras aplicacións. Fíxose por un total de 95.000 euros. Por último, tamén quedou aprobada a Conta Xeral do Concello de Camariñas correspondente ao exercicio 2025. Neste sentido, a xestión de tesourería amosa a súa solidez. O superávit que presenta a Administración local é de 1.087.995,6 euros, superior ao do exercicio anterior, que era de 837.235,86 euros. Votaron a favor os concelleiros e concelleiras do grupo de goberno. Abstivéronse os edís do PP e do BNG.
