A parlamentaria socialista Patricia Iglesias acusou este mércores ao conselleiro de Presidencia de desatender as competencias propias en transporte interurbano mentres os veciños e veciñas de Bergantiños teñen que facer “auténticas maratóns” de ata tres horas para chegar á área hospitalaria da Coruña. Iglesias levou unha pregunta oral ao Pleno do Parlamento para reclamar bus directo entre a comarca e o CHUAC.
A parlamentaria socialista criticou a “irresponsabilidade” do conselleiro, que mentres critica ás conexións ferroviarias desatende as competencias propias da Xunta sinalando, como dixo onte, que o transporte non poderá cubrir a demanda porque o seu contrato “non da para máis”. Advertiu que a cidadanía ten que padecer as “enormes deficiencias” do transporte interurbano pola súa incompetencia.
Iglesias levou este mércores a petición da Plataforma de traballadoras do Sergas para que habiliten unha liña directa coa zona hospitalaria, e que leva máis de 300 adhesións dende o ano 2023 porque as conexións actuais “non chegan directamente e non están adaptadas ás quendas do persoal”. Estas traballadoras, que hoxe viñeron ata o Parlamento a seguir o debate, sinalan que para utilizar o transporte público teñen que facer transbordos, esperar, camiñar e combinar varias liñas de bus.
Sinalou á “incoherencia política” do PP con esta petición, que apoia no Concello de Carballo, onde non gobernan, pero rexeita nos concellos de Coristanco, Ponteceso e A Laracha, onde si que gobernan. Advertiu que “o problema é o mesmo, as persoas son as mesmas, as traballadoras e traballadores son os mesmos e a necesidade de chegar aos hospitais da Coruña é idéntica”.
