O Lume Sagrado volveu arder no Pico Sacro, en Boqueixón

2 minutes read

O Pico Sacro foi este domingo escenario da lendaria Cerimonia do Lume Sagrado. O tempo acompañou e o séquito da Raíña Alda puxo en escena este ritual celta co que os nosos devanceiros celebraban a chegada do Solsticio de Verán, obtendo o lume directamente do sol..

Encabezados pola Raíña Alda e polo seu Druída, os integrantes da Asociación da Fervenza do Castro de Callobre (A Estrada) concentráronse na contorna do aparcamento do Pico Sacro e comezaron un desfile ata a Capela de San Sebastián, acompañados polos músicos do grupo folclórico local Son de Gaita (Sergude).

Unha vez diante da ermida do Pico Sacro, o Druída utilizou o seu bastón (cunha lupa no extremo) para concentrar a luz solar na ramaxe que se colocou no pebeteiro. Un lume que este ano, e a pesar da forte calor, tardou varios minutos en prender, o que fixo que moitas das persoas presentes buscaran refuxio na sobra da capela de San Sebastián.

E iso que a forte calor fixo que o pebeteiro prendera en varias ocasións, mais a suave brisa que sopraba hoxe no Monte Ilicino non permitira que as lapas se mantiveran. Tras varios minutos de esforzo, o Druida conseguiu o Lume Sagrado, cuxas chamas serviron para acender as candeas dos veciños e veciñas de Boqueixón presentes, que as utilizarán para acender as cacharelas de San Xoán.

O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, acompañado polo concelleiro de Turismo, José Luís Mareque, e o concelleiro de Obras, Manuel Fernández Munín, agradeceu a colaboración un ano máis da Asociación da Fervenza do Castro de Callobre nesta actividade e animou aos presentes a desfrutar da experiencia dos “Atardeceres no Pico Sacro”:

“Todos os venres, sábados, domingos e vésperas de festivos haberá unha food-truck no Pico, acompañado de música e doutras actividades, para ver os atardeceres e anoiteceres no Pico Sacro. Ademais, haberá degustacións relacionadas coas festas de interese turístico de temos en Boqueixón: a Festa da Filloa de Lestedo, os Xenerais da Ulla de Sergude e as Carrozas do San Cidre”, adiantou o alcalde boqueixanés.