O PPdeG insta ao Goberno central a reforzar a atención presencial nos centros da Seguridade Social da provincia da Coruña

2 minutes read

O PPdeG vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento de Galicia na que insta ao Goberno central a reforzar a atención presencial nos centros da Seguridade Social da provincia da Coruña.

Neste senso, a deputada do Grupo Parlamentario Popular, Carmen Pomar, fixo referencia aos máis de 484.000 afiliados na provincia, os cales se enfrontan a “un sistema de citas colapsado”, o que obriga a que, en moitas ocasións, un usuario teña que percorrer máis de 100 quilómetros para realizar trámites básicos. “O sistema de citas desaparece de maneira recorrente en Carballo, Negreira, Santiago Ferrol ou A Coruña”, indicou.

Segundo salientou, non se trata dun problema puntual, senón que, tal e como xa advertiu o Tribunal de Contas, estase a dar unha desatención en nove dos doce centros provinciais da provincial. Neste senso, a parlamentaria do PPdeG referiuse a que “se acumulan as queixas de persoas que pasan semanas intentando conseguir unha cita sen éxito”.

A iniciativa recolle, tamén, a necesidade de reforzar con máis recursos humanos e materiais as oficinas, debido ao incremento da carga de traballo, derivada das novas prestacións ou dos procesos de regularización de persoas migrantes, co fin de prestar unha mellor e máis áxil atención.

COSTA DA MORTE E BERGANTIÑOS

Na mesma liña, o deputado e portavoz do PP de Carballo, Rubén Lorenzo, incidiu en que esta realidade “caótica” está a afectar de maneira “especialmente grave” ás comarcas da Costa da Morte e de Bergantiños: “A cidadanía leva anos padecendo unha situación de clara desigualdade no acceso á atención presencial da Seguridade Social”.

Fixo fincapé en que a oficina de Seguridade Social de Carballo presenta unha cobertura de persoal do 42%, o que, para o voceiro popular, explica a práctica inexistencia de citas e a derivación masiva de usuarios a outras localidades. Por iso, urxiu a que se garanta a estabilidade e continuidade desta oficina coa cobertura do 100% dos postos previstos.

Asemade, solicitou que se manteña a cita presencial no centro de atención e información da Seguridade Social, evitando que a poboación da Costa da Morte e Bergantiños teña que desprazarse máis de 50 quilómetros para trámites ordinarios de pensións e prestacións. E que, igualmente, se habiliten quendas de atención sen cita previa, mellorando a accesibilidade telefónica, pensando, remarcou, nas persoas maiores ou con dificultades dixitais.