Faino con particular atención ás comarcas de Ferrolterra, A Coruña e Bergantiños.
Dende o PSdeG califican a situación do transporte por autobús nestas bisbarras de «verdadeiramente penosa, non se pode dicir doutra maneira». «Levamos anos insistindo, dende que saíron os novos contratos, non é unha situación que veña de agora», salientan dende a formación.
Destacan o caso recente «dun autobus que se estroupeou en pleno túnel da autoestrada e botaron varias horas alí os viaxeiros e viaxeiras ata que os viñeron recoller», calificando a situación de «caos absoluto».
Sinalan tamén o caso de «autobuses que circulaban entre A Coruña e Ferrol coa xente de pé, que algo que se non me trabuco, incumpre a normativa de tráfico». «Tamén tivemos un caso moi recente en Fene no que o bus saíu con media hora de retraso e 20 persoas quedaron sen praza, entre moitísimas outras situacións similares», lamentan.
«É unha cuestión que se reitera no tempo e que en consecuencia demostra que a prestación deste servizo é moi mellorable», subliñan dende o PSdeG provincial. «Nós xa lle trasladamos á Xunta no seu momento que eses pregos estaban máis feitos, non estaban dimensionados nin pensados para as necesidades actuais, e non podemos ter á xente nesta situación», indican.
Critican tamén que se deixasen «moitas zonas dos concellos cun autobús a primeira hora da mañá e un autobús a última hora da tarde». «Iso non é garantir o servizo público de transporte por estrada», sentencian.
«Agora que nestes tempos estamos a reclamar, como debe ser, a mellora do trazado ferroviario entre A Coruña e Ferrol, nos podemos esquecer tampouco que hai que mellorar este servizo de transporte por estrada», apuntan dende o PSdeG.
«Nós imos seguir xunto a todos os viaxeiros e viaxeiras que padecen este pésimo servizo, xa que isto non é algo que diga eu, calquera persoa que faga uso destes autobuses dirá o mesmo que eu estou dicindo agora», subliñan.
«Os concellos xa llo trasladamos hai anos á Xunta de Galicia, que daquela se comprometera a adoptar medidas, pero polo de agora levamos varios anos e non houbo nin unha soa medida encamiñada a mellorar este servizo», conclúen.
