O PSdeG reclamará no Parlamento Galego a mellora integral da AC-455 en Val do Dubra

1 minutes read

O alcalde socialista Diego Díaz e o parlamentario Aitor Bouza denuncian o mal estado da ponte sobre o río Dubra, utilizada diariamente por máis de 8.000 vehículos, incluíndo tráfico pesado, e reivindican unha actuación urxente para garantir seguridade.

O parlamentario socialista Aitor Bouza solicitará tamén un trazado alternativo para aliviar a presión sobre a ponte e presentará unha emenda aos orzamentos de 2026 para a mellora da seguridade vial e acondicionamento da estrada.

Diego Díaz, subliña a importancia destas reivindicacións “tanto para a veciñanza de Val do Dubra como das comarcas, sobre todo, de Compostela e Bergantiños, que utilizan este tramo de vía para os desprazamentos, principalmente, por motivos laborais”. “A ponte tamén está sendo utilizada por numerosas empresas para os seus transportes de mercadorías”, engadiu.

O rexedor socialista pediu de novo “unha mellora de seguridade tan necesaria para os peatóns e tamén para os vehículos que transcurren”, xa que son “estimadamente máis de 8.000 vehículos ao día, e moitos deles de gran tonelaxe”.