O PSOE provincial da Coruña reclama ao Sergas medidas inmediatas ante a saturación das Urxencias do CHUAC

2 minutes read

O PSdeG-PSOE da provincia da Coruña expresa a súa preocupación pola situación de saturación das Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). A elevada presión asistencial obrigou a habilitar ata catro corredores para atender pacientes e denuncia que se manteñen arredor de 130 camas hospitalarias inoperativas, unha situación que considera que repercute tanto na calidade da atención que recibe a cidadanía como nas condicións de traballo dos e das profesionais.

Os socialistas consideran que esta situación evidencia “unha falta de planificación da Xunta de Galicia” e defenden que o Sergas debe anticiparse aos incrementos de demanda propios do verán con máis persoal e recursos, para garantir unha atención de calidade e unhas condicións de traballo dignas.

Neste contexto, o PSdeG-PSOE provincial sostén que a resposta do Sergas non pode limitarse a afirmar que a asistencia se presta con normalidade, senón que debe ofrecer solucións que permitan reducir a presión sobre as Urxencias e garantir unha atención digna para os pacientes. «A atención sanitaria non pode medirse unicamente polo número de persoas atendidas; tamén hai que valorar a calidade asistencial, a seguridade dos pacientes, a preservación da súa intimidade e as condicións nas que desenvolven o seu traballo os profesionais sanitarios», subliñan.

Os socialistas reclaman á Xerencia da Área Sanitaria da Coruña e Cee e á Consellería de Sanidade que “activen de xeito inmediato” os recursos humanos e materiais necesarios para responder aos picos de demanda asistencial. Neste sentido, consideran prioritario reforzar os equipos de Urxencias e hospitalización, garantir unha adecuada cobertura das vacacións do persoal e poñer en funcionamento as camas hospitalarias que sexan necesarias.

Así mesmo, advirten de que a apertura de camas só será efectiva se vai acompañada do persoal suficiente para atendelas. «Abrir camas sen profesionais é inútil, pero manter recursos pechados por non ter previsto os reforzos necesarios tamén evidencia unha falta de planificación que acaba repercutindo na asistencia», sinalan.

O PSdeG-PSOE provincial considera igualmente imprescindible fortalecer a Atención Primaria e os dispositivos de atención continuada para evitar que os hospitais soporten unha presión que podería mitigarse cun sistema sanitario ben dimensionado e coordinado en todos os niveis asistenciais.

Os socialistas denuncian que “a Xunta de Galicia coñece desde hai anos os problemas estruturais que afectan ao CHUAC e dispón de información suficiente para anticiparse aos períodos de maior demanda asistencial. Os pacientes e profesionais non poden seguir pagando as consecuencias dunha xestión baseada en reaccionar tarde e con medios insuficientes”. Por iso, instan ao Sergas a deixar de normalizar situacións de saturación, que xa “non son episodios puntuais”, e a adoptar unha planificación que permita ofrecer unha asistencia sanitaria pública de calidade durante todo o ano, tamén nos meses de verán.