A oitava edición dos Premios PEL, os galardóns da Deputación da Coruña ás mellores iniciativas empresariais da provincia, bate este ano récord de participación con 145 candidaturas presentadas.
O prazo de presentación rematou onte cunha cifra que confirma a consolidación destes premios como un referente no recoñecemento ao talento emprendedor, á capacidade innovadora e á contribución das pequenas e medianas empresas, microempresas e profesionais autónomos/as ao desenvolvemento económico e social da provincia.
Nesta convocatoria, a Deputación reforza o seu apoio ao tecido empresarial máis próximo á cidadanía, cunha dotación total de 80.000 euros destinada a recoñecer proxectos empresariais que destacan pola súa traxectoria, pola súa aposta pola sostibilidade, pola súa implantación no territorio e polo seu carácter singular.
As candidaturas presentadas concorren ás catro categorías principais dos premios. Un total de 28 novas empresas optan ao galardón á mellor iniciativa emprendedora; 38 candidaturas aspiran ao recoñecemento á mellor traxectoria empresarial; 26 proxectos preséntanse á nova categoría de territorio sostible e 40 iniciativas concorren ao premio destinado a recoñecer as propostas empresariais máis singulares.
Ademais, os membros do xurado rexistraron 13 candidaturas na categoría honorífica, que este ano estará dedicada ás iniciativas transformadoras do rural. Esta mención terá carácter honorífico e non levará asociada dotación económica.
Cada unha das catro categorías principais contará, con carácter xeral, cun premio de 20.000 euros. As bases contemplan tamén a posibilidade de conceder accésits cando a diferenza de puntuación entre as dúas mellores candidaturas sexa mínima. Nese caso, o primeiro premio pasaría a estar dotado con 15.000 euros e o accésit con 5.000 euros.
Gala de entrega no Coruña Estudo Inmersivo
Unha vez que cerrou o prazo de presentación de candidaturas, o xurado de persoas expertas avaliará estas semanas os proxectos concorrentes e seleccionará as empresas, microempresas e profesionais autónomos/as gañadores desta oitava edición.
A gala de entrega dos Premios PEL 2026 desenvolverase o mércores 19 de xuño no Coruña Estudo Inmersivo (CEI), situado na Cidade das TIC da Coruña. O acto terá lugar en horario de tarde e reunirá representantes do tecido empresarial, social e institucional da provincia.
A través dos premios PEL, a Deputación da Coruña continúa impulsando o recoñecemento público das empresas coruñesas como motores de riqueza, innovación, benestar e creación de emprego de calidade no territorio.