Os servizos de emerxencias teñen que intervir nunha saída de vía en Outes

1 minutes read

O turismo envorcou na AC-550, ao seu paso pola parroquia de Roo.

Os servizos de emerxencias interviñeron na mañá deste mércores nun accidente de tráfico rexistrado no concello de Outes, onde un vehículo sufriu unha saída de vía e quedou envorcado na AC-550, á altura do quilómetro 62 aproximadamente, na parroquia de Roo.

O 112 Galicia recibiu o aviso ás 09:20 horas a través da chamada dun particular, que alertou de que o condutor podería atoparse atrapado no interior do turismo debido á posición na que quedara o vehículo tras o accidente.

De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias informouse ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Noia, aos Bombeiros de Boiro e Ribeira, á Garda Civil de Tráfico e ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Unha vez no lugar, os equipos de intervención comprobaron que era necesario realizar labores de excarceración para liberar ao ocupante do vehículo. Para iso, os efectivos de emerxencias tiveron que cortar unha das portas do turismo e facilitar así a saída da persoa accidentada.

Tras ser liberado, o condutor foi atendido polo persoal sanitario e posteriormente trasladado ao centro hospitalario de referencia para a súa valoración e tratamento.