O Concello de Ponteceso continúa coa mellora da escola infantil da Xunta de Galicia cunha nova actuación que permitirá completar o revestimento das fachadas do edificio e mellorar de maneira significativa as súas condicións de illamento térmico e eficiencia enerxética. As obras, que xa comezaron esta mesma semana, contan cun investimento próximo aos 100.000 euros e dará continuidade aos traballos realizados no centro no ano 2024.
A actuación permitirá completar o revestimento das fachadas que quedaran pendentes na primeira fase, co obxectivo de dotar o edificio dun sistema de illamento térmico máis efectivo. Con esta intervención preténdese mellorar o confort no interior das instalacións durante todo o ano e, ao mesmo tempo, contribuír ao aforro enerxético e á redución do consumo necesario para manter unhas condicións axeitadas de temperatura no centro.
As obras terán tamén unha intervención específica no patio da escola infantil, onde se crearán novas zonas de sombra para que os nenos e nenas poidan utilizar este espazo exterior durante os meses de verán.
O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, agradeceu ao xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, o compromiso coa escola infantil, que conta con catro aulas e atende actualmente a 40 nenos e nenas.
O rexedor destacou a importancia de completar o revestimento das fachadas para conseguir un mellor illamento do edificio e avanzar no aforro enerxético, ao tempo que puxo en valor a creación das novas zonas de sombra no patio.
Mato pediu tamén comprensión ás familias, ao alumnado e ao persoal da escola polas posibles molestias que poidan ocasionar os traballos. «O obxectivo final é conseguir que tanto os nenos e nenas como o persoal docente e educativo dispoñan dunhas instalacións máis confortables, seguras e eficientes.–
