O Concello de Ponteceso vén de formalizar a adquisición dun inmoble situado en Corme-Porto que permitirá mellorar de maneira substancial o acceso á zona portuaria e eliminar o actual punto de estrangulamento existente na entrada ao porto.
Trátase dunha actuación de especial relevancia para Corme, xa que dá resposta a unha demanda histórica da veciñanza e permitirá mellorar tanto a mobilidade como as condicións de acceso a unha das zonas de maior importancia económica e social da parroquia.
O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, acompañado pola concelleira de Servizos Sociais, Marisé Álvarez, formalizou este venres o acordo co propietario do inmoble. O rexedor cualificou a operación como «un dos proxectos máis importantes deste mandato» pola súa transcendencia para o presente e o futuro de Corme-Porto.
«Falamos dunha actuación moi necesaria e dunha reivindicación histórica de Corme. Durante moitos anos este punto funcionou como un verdadeiro embudo de acceso ao porto, condicionando a mobilidade e tamén as posibilidades de desenvolvemento da zona», sinalou Mato.
O alcalde quixo agradecer expresamente «de corazón a disposición, o diálogo e as facilidades ofrecidas pola familia propietaria do inmoble, que fixeron posible alcanzar este acordo co Concello».
Parte do inmoble será derrubada co obxectivo de gañar espazo, ampliar o acceso ao porto e mellorar a conexión entre o núcleo urbano e a zona portuaria. A actuación beneficiará directamente á veciñanza e ao tecido empresarial da parroquia, facilitando a circulación e mellorando as condicións de entrada e saída da contorna portuaria.
O Concello de Ponteceso considera esta adquisición unha actuación estratéxica e un paso decisivo para o futuro de Corme-Porto, ao permitir resolver unha limitación histórica e abrir novas posibilidades para seguir avanzando na mellora e transformación da súa contorna portuaria
