Reunión previa ao inicio do proxecto de mellora da eficiencia enerxética a ubicar no pavillón da Laracha

2 minutes read

O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro delegado da área de Obras, Pablo Cambón, mantiveron unha reunión co responsable da empresa Montaxes Eléctricas Noroeste S.L., que resultou adxudicataria da execución do proxecto de instalación dun sistema de produción de enerxía fotovoltaica na cuberta do pavillón polideportivo Municipal da Laracha que abastecerá a varios edificios municipais na modalidade de autoconsumo colectivo con compensación de excedentes. Na xuntanza abordáronse cuestións previas ao inminente inicio das actuacións previstas.

Con este proxecto o Concello dará un paso importante na mellora da eficiencia enerxética e na minoración das emisións de CO2 para facer da Laracha un municipio máis sostible e respectuoso co medio ambiente. Este sistema fotovoltaico é especialmente favorable para a configuración dos consumos dos edificios municipais, que están concentrados nas horas centrais do día coincidindo coa franxa de maior produción eléctrica. A previsión é alcanzar un autoconsumo do 56,7 % na Casa do Concello, o Edificio de Servizos Múltiples, o Edificio Administrativo, a biblioteca da Laracha, a escola infantil ‘A Galiña Azul’ e a Casa da Cultura, o que implicará tanto a redución de máis da metade das emisións de CO2 como da factura eléctrica nas citadas instalacións.

Os paneis solares que se instarán alcanzarán unha potencia total de 99 Kw. A cuberta do pavillón polideportivo Municipal da Laracha foi o lugar escollido ao ser considerado o máis idóneo por permitir aproveitar a pendente existente, pola súa orientación sur e porque o impacto visual será mínimo. O proxecto está valorado en preto de 120.000 euros e será cofinanciado entre o Concello e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) ao abeiro da convocatoria de subvencións para programas vinculados ao autoconsumo eléctrico e ao almacenamento no sector das administracións públicas no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia Europeo. En concreto, a achega económica dese organismo autónomo da Xunta de Galicia é de 86.625 euros. A parte restante será financiada con fondos municipais.

Esta actuación pon de manifesto a decidida aposta do Concello polo emprego das enerxías renovables nas instalacións públicas. De feito, o proxecto de renovación da cuberta do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha que se vai executar en breve xa contempla deixala preparada para a futura instalación dun sistema de produción de enerxía fotovoltaica.