Rubén Lorenzo afirma que a coordinación entre admistracións é a solución para a Ría de Baldaio

2 minutes read

O portavoz do Grupo Municipal Popular de Carballo (o PP de Carballo) mostra a súa satisfacción pola xuntanza mantida onte entre a DX de Patrimonio Natural e o goberno local de Carballo, representado polo seu alcalde, co obxectivo de acadar un acordo que solucione a longo prazo, e de xeito integral, a situación da lagoa de Baldaio que está a provocar serios problemas para a veciñanza e os visitantes, cada vez con máis asiduidade.


Foi, precisamente o Grupo Municipal Popular quen, dende o primeiro momento, apostou pola necesidade dunha estratexia de actuación que incluise ás tres administracións implicadas, Xunta, concello e costas do Estado. De feito o propio Lorenzo reuníase coa Directora Xeral de Patrimonio Natural no mes de xullo e pedía a creación dunha mesa técnica a tres bandas para solucionar o problema que estaba a dificultar a vida cotiá nos arredores da lagoa e perxudicaba, así mesmo, aos negocios da zona, unha das máis turísticas da comarca e que no verán ve aumentada a súa poboación visitante.


Rubén Lorenzo mantén que para o grupo popular era moi importante chegar a un consenso que facilitase unha folla de ruta ante un problema complexo que, lonxe de ter unha solución única e puntual, require dunha planificación a longo prazo. En palabras do portavoz municipal, “lonxe de buscar protagonismos, é o momento de recoñecer que cada administración asume a súa responsabilidade e traballa proactivamente cara a dirección axeitada para soluciona a situación”.


Por outra banda, congratúlanse os populares de que o goberno local do BNG mudase a súa actitude e entrase a sentirse parte do plan de traballo, asumindo a súa responsabilidade e o seu potencial como administración para levar a cabo as actuacións correspondentes. Afirmando que aínda queda moito traballo por diante, o PP de Carballo suliña que o importante é que Baldaio siga a ser un espazo natural privilexiado e referente, en convivencia coa vida cotiá da veciñanza e que lonxe da confrontación, a pasividade e a desinformación, eles sempre chamaron ao diálogo, a colaboración, e á coordinación dunha estratexia conxunta.