Santa Comba acolleu unha xornada de doazón da campaña de verán da ADOS «Un alento de vida»

2 minutes read

O concello de Santa Comba acolleu este luns 15 de xuño a campaña de verán “Un alento de vida” que promove a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), co obxectivo de fomentar a participación cidadá durante o período estival. Unha unidade móbil da Axencia estivo estacionada diante do Centro de Cultura das 10:00 ás 14:00 e das 16:00 ás 21:00 horas para facilitar a doazón de todos os veciños e veciñas de Santa Comba.

Esta iniciativa achegará a doazón a máis de 170 concellos galegos ata finais do vindeiro mes de agosto, tentando garantir a participación dos galegos e galegas nas campañas da ADOS durante o período estival e obter ao redor de 22.000 doazóns de sangue.

A Axencia lembra que todos os días do ano son precisas 400 doazóns para garantir o axeitado abastecemento de compoñentes sanguíneos aos nosos hospitais. Esta cifra se mantén nos meses de verán, un período especialmente sensible por mor da deslocalización dos doantes habituais.

Colaboración fundamental

A campaña “Un alento de vida” lembra a importancia de procurar unha oportunidade de curación para moitos enfermos que só poden brindarlle os doantes de sangue que, co seu xesto solidario, contribúen ao posibilitar o tratamento de moitos doentes atendidos no noso sistema público de saúde.

As persoas que participen na campaña de verán recibirán un agasallo como unha almofada ou un balón de praia pola súa participación e, nesta ocasión, ao carón da unidade móbil instalarase un espazo que simula unha típica terraza de verán. Os doantes poderán inflar un globo que pasará a formar parte da escenografía e, deste xeito, simbolizar ese aire que supón para moitos doentes recibir unha transfusión de compoñentes sanguíneos.

Esta iniciativa quere chamar a atención sobre a necesidade de doar aínda que sexa verán e desfrutemos de vacacións, lembrando que as unidades móbiles tamén terán unha importante presenza en municipios de costa e eminentemente vacacionais.

Elevada participación

A Axencia quere amosar o seu agradecemento á corporación municipal pola súa implicación e decidido compromiso no desenvolvemento das campañas de doazón de sangue, así como o recoñecemento a todos os veciños e veciñas de Santa Comba que doan sangue. Neste sentido, lembrar que no pasado 2025, Santa Comba acadou, con 593 doazóns, unha taxa de 63 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, un dos índices máis elevados de Galicia.

Desde a Axencia convidan a toda a cidadanía a tomar parte nesta nova campaña de doazón, lembrando que pode doar sangue calquera persoa maior de 18 anos, que pese máis de 50 quilos e non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue.

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.