O Aquapark abrirá as súas portas este luns, 9 de xuño, ata o 7 de setembro, polo que permanecerá aberto durante practicamente tres meses. As entradas xa poden adquirirse na web, polo que a instalación acuática estará en perfectas condicións de cara a súa apertura.
O prezo da entrada pola semana sitúase nun prezo de 10 euros de luns a venres para maiores de 12 anos, 7 euros no caso de situarse entre 5 e 12 anos e un euro para menores de cinco anos. Con respecto aos sábados, domingos e festivos o prezo da entrada tamén depende da idade do usuario; 11 euros para maiores de 12 anos; 8 euros para nenos entre 5 e 12 anos, e 2 euros para menores de cinco anos. Por último, tamén se ofertan abonos de sete días (nominativos e intransferibles) cun prezo de 50 euros para persoas adultas e 25 para nenos e nenas de 5 a 12 anos. As instalacións abren de 12:00 a 20:00 horas.
O parque acuático conta con máis de 30.000 metros cadrados que acollen unha gran variedade de atraccións, desde piscinas de ondas a tobogáns xigantes para todas as idades.
Ademais, o Concello de Cerceda ten máis oferta de baño durante o verán: por unha banda, a piscina municipal da Silva estará aberta do 21 de xuño ata o 7 de setembro, sendo a entrada totalmente de balde; mentres que a piscina municipal de Cerceda, aberta durante todo o ano, seguirá dispoñible en horario de mañá durante o mes de xullo, permanecendo pechada en agosto.