Tres monitores para unha nova iniciativa solidaria do ximnasio carballés Corporal X-Pression

2 minutes read
Maribel, Sheila e Pablo, serán os monitores encargados de coordinar as sesións de Spinning da xornada solidaria.

O ximnasio carballés Corporal X-Pressión destaca pola infinidade de actividades que ofrece aos seus clientes mesmo cun servizo profesional personalizado. Unha iniciativa empresarial que está en marcha desde o ano 2004 da man dos irmáns Pablo e Maribel Pichel, pero ademais, desde o ano 2017 consolidaron unha idea solidaria tamén no 2018 e 2019, que tras un parón obrigado pola pandemia foi retomada no 2025 e que o sábado 3 de outubro celebrará a súa quinta edición.

Trátase da realización dun maratón solidario de «spinning» de tres horas de duración a quendas, onde a alta demanda de participantes, nesta ocasión máis de 45, obrigou a repartir as horas entre eles para que todos e todas poidan pedalear. Como condición para inscribirse é necesario achegar unha colaboración desinteresada de penso para cans ou latas de alimento para gatos, así como participar no xantar posterior que terá lugar no Camping Baldayo.

Sheila, Pablo e Maribel serán os tres monitores encargados de facer que as sesións sexan o máis dinámicas e motivadoras posible, nunhas instalacións modernas e apropiadas para a ocasión ubicadas no propio ximnasio, localizado na confluencia das rúas carballesas Vila de Laxe coa Avenida de Bergantiños.

Todo elo, fano en colaboración coa entidade carballesa «O Legado de Max», unha pequena asociación formada por persoas voluntarias comprometidas coa protección e benestar dos animais, iniciativa que naceu da necesidade e sensibilidade para axudalos cando se atopan en situación de abandono e risco. Eles serán os destinatarios da mercadoría a modo de comida para os caniches e os miaus.

De todos os xeitos, calquera persoa allea á programación ou asistencia ao ximnasio pode participar nesta iniciativa en beneficio dos animaliños a partir do próximo xoves 1 de outubro, acercándose a depositar o seu donativo no establecemento deportivo. Habitualmente supéranse os mil quilos de produtos recollidos e neste V Maratón non se espera menos. Anímate e colabora!.