Foi preciso cortar a autovía en sentido Santiago. O 112 Galicia rexistrou o primeiro aviso por mor deste accidente uns minutos despois das 16:00 horas deste venres. Polo que indicaron varios alertadores, dous turismos colidiran no quilómetro 32, na parroquia de Vizoño. Un deles quedou envorcado e comezaba a arder, mentres que no outro podía haber persoas atrapadas.
Con estes datos, os xestores do 112 Galicia informaron ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Betanzos e aos de Ordes e á Garda Civil.
A dotación de bombeiros de Betanzos tivo que empregar o material de excarceración para liberar a dous ocupantes dun dos vehículos accidentados. Ademais, xunto cos bombeiros de Ordes traballaron na limpeza da vía e sufocaron o outro turismo, no que tamén houbo unha persoa ferida. Os tres implicados tiveron que ser trasladados polo persoal sanitario.
Cómpre mencionar que, no mesmo punto da autovía pero en sentido Coruña, rexistrouse outro accidente cunha furgoneta, aínda que neste caso non houbo ningunha persoa ferida. Minutos máis tarde o quilómetro 32 da AP9 xa se atopaba aberto á circulación.