Os bombeiros do parque provincial de Ordes participaron este martes na extinción dun incendio nunha nave de reciclaxe de electrodomésticos sita no parque empresarial de Ordes.
Foi o propio persoal da empresa quen deu o aviso ás 09:00 horas. Ardeu unha esquina na que había almacenadas baterías e impresoras, afectando o lume ao peche lateral da nave e á cuberta desa zona.
Cinco persoas recibiron asistencia médica tras un incendio na Coruña
Foron atendidos no mesmo lugar dos feitos e só unha tivo que ser trasladada ao hospital e por motivos alleos ao suceso.
Dúas chamadas ao 112 Galicia preto das tres desta madrugada facilitaron a intervención dos recursos de emerxencias para facer fronte a un incendio, que comprometía a totalidade do edificio. Un inmoble situado na Rúa Barrera, número 30, da Coruña, que adoita ser ocupado, segundo explicaron os mesmos alertadores.
En base a toda esta información, desde o 112, solicitouse a actuación dos Bombeiros da Coruña, dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia e o apoio dos axentes da Policía Local e Nacional. Este foi o operativo constituído para tratar de poñer fin a esta situación no menor tempo posible, aínda que a complexidade do incendio, propagado por todo o inmoble, obrigou a prolongar as horas de traballo dos equipos de extinción. Tanto así que, nunha comunicación co 112 preto das sete desta mañá, os bombeiros coruñeses confirmaron que o incendio estaba controlado e asumían xa as tarefas de arrefriado e ventilación.
Con todo, avisaron que o edificio estaba completamente calcinado e o tellado derrumbado. Igualmente, sinalaron pequenos danos nos edificios lindeiros, aínda que non suficientes como para desaloxar.
En canto á intervención dos sanitarios, atenderon a cinco persoas no mesmo lugar dos feitos e só unha necesitou traslado e, en calquera caso, por circunstancias alleas ao suceso.