Afortunadamente a nena non sufriu ningún tipo de dano e tras pedir axuda aos veciños agardou fora da vivenda ata que chegaron os medios.
Segundo indicaron os Bombeiros de Ordes, todo apunta a que se tratou dun curtocircuíto provocado por un enchufe, ardeu un sofá e unha mesa e outros obxectos próximos quedaron danados polas altas temperaturas rexistradas.
Pasados dez minutos das dúas e media da tarde deste mércores un particular contactaba co 112 Galicia para informar de que unha nena se acercara ata o bar da rúa pedindo axuda. Indicoulles que se atopaba soa na casa e que comezara a arder o sofá, no lugar de Picardel, en Meirama, no concello coruñés de Cerceda.
De inmediato, tras a reacción da menor e o aviso do particular, o 112 Galicia avisou aos Bombeiros de Ordes, ao persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 por se fose precisa a súa intervención e á Garda Civil. Tamén foron avisados os axentes da Policía Local e os efectivos de Protección Civil da localidade.
Unha vez no punto, os Bombeiros indicaron que o lume fora apagado polos veciños, polo que procederon a revisar a vivenda e arrefriaron a zona. Posiblemente, un curtocircuíto nun enchufe foi a causa que orixinou o lume, que prendeu axiña no sofá.
Así mesmo, os axentes da Policía Local confirmaron que non houbo persoas afectadas, a menor cando comezou o lume saíu da vivenda para pedir axuda e agardou a chegada dos medios no exterior.