O PSdeG-PSOE de Malpica de Bergantiños critica que o PP non apoiase a súa moción de urxencia en apoio da pesca, a agricultura e a gandaría no municipio. «A moción non chegará a ningún lado por culpa do alcalde», apunta o voceiro socialista local, Walter Pardo.
O texto presentado polo grupo municipal socialista instaba por unha banda á Xunta a establecer unha axuda directa de 0,20 € por litro de combustible para as actividades do sector primario mentres se manteñan os actuais niveis de prezos e custos de explotación, así como medidas para reducir ou bonificar as taxas e custos que soportan as lonxas, as confrarías de pescadores e as cooperativas agrogandeiras.
Por outra banda pedía ao Goberno de España manter e reforzar as medidas de apoio e subvención ao combustible destinado a dito sector primario, evitando que a finalización das actuais axudas supoña un novo incremento dos custos de explotación destas actividades, e poñendo o acento en que axudas autonómicas e estatais sexan compatibles.
«No pleno ordinario de setembro, presentamos unha moción para instar á Xunta de Galicia e ao Goberno de España a adoptar medidas de apoio ao sector pesqueiro, agrario e gandeiro de Malpica, pero o alcalde non permitiu a súa tramitación no apartado de mocións de urxencia, baseándose nun criterio da Secretaría municipal», lamentou Pardo.
«A consecuencia é clara, se a moción non se admite nese apartado, non existe ningún acordo plenario», explica o socialista. «Isto significa que a reclamación e a petición de axudas non chegará nin a Xunta, nin ao Goberno central como acordo do Concello, porque o alcalde non permitiu que a moción fose tramitada», engade.
O edil sinala que «a moción tivo que ser debatida en outro punto da orde, pero queda sen un acordo plenario co que reclamar medidas, como que siga a rebaixa no combustibles polo goberno central ou que se bonifique ou se exima as taxas das infraestructuras en portos de Galicia ou en cooperativas agrogandeiras, mentras sigan os elevados custos de combustible e enerxia».
Porén, apunta o voceiro socialista, «neste punto que non ten ningún tipo de vinculación, o PP de malpica vota a favor sabendp que non vai chegar a ningún lado» «Dende o PSOE reclamamoslle o alcalde e o seu grupo que se comprometan realmente co sector pesqueiro e agrogandeiro e deixen de vender fume», conclúe.
