Ocorreu nun domicilio da Rúa Río de Quintas, na Coruña, pasada a unha da madrugada deste luns.
Un viandante viu saír fume dunha xanela e avisou a través do 112 Galicia.
A súa chamada permitiu activar un operativo de resposta, que contou coa participación dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos axentes da Policía Nacional e Local e dos Bombeiros da Coruña.
Nembargantes, os recursos empregados para a extinción foron escasos porque, dentro da vivenda, apenas quedaba lume e tampouco temperatura. Por iso, os efectivos do Parque Municipal de Bombeiros consideran que o incendio autoconsumiuse e puido orixinarse nunha butaca.
Desafortunadamente, na inspección do interior do domicilio, os bombeiros localizaron unha muller sen vida, e que presentaba síntomas de asfixia e numerosas queimaduras, aínda que descoñecen se as causas do falecemento gardan relación co incendio.
En calquera caso, será unha investigación posterior a que determine as circunstancias da súa morte.