O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou este domingo a XXII Festa do Pan de Carral, unha das citas gastronómicas e culturais máis emblemáticas da comarca coruñesa, acompañado do alcalde do municipio, José Luis Fernández Mouriño.
Durante a visita, Formoso destacou «o enorme valor que ten conservar e impulsar tradicións que forman parte da identidade dos nosos concellos», e puxo en valor «o traballo das familias panadeiras de Carral, que conseguiron converter o seu pan nun símbolo recoñecido en toda Galicia».
O presidente provincial percorreu os postos da festa, saudou aos panadeiros e panadeiras participantes, mercou pan e interesouse polas distintas actividades organizadas arredor dun produto que leva décadas asociado ao nome de Carral e ao saber facer artesanal transmitido de xeración en xeración.
A Festa do Pan reunía durante toda a fin de semana música, feira medieval, obradoiros de elaboración de pan, actividades culturais e venda do tradicional pan de Carral, coñecido pola súa codia crocante, a súa miga esponxosa e a súa longa conservación. A celebración conta coa participación da Asociación de Panadeiros de Carral, integrada por varias panaderías históricas do municipio.
Formoso destacou tamén «a importancia de apoiar eventos como esta festa do Pan, que axudan a dinamizar o comercio local, atraer visitantes e dar a coñecer os nosos produtos de calidade».
Pola súa banda, o alcalde José Luis Fernández Mouriño agradeceu a colaboración da Deputación da Coruña coa festa e subliñou «o papel fundamental que desempeñan os panadeiros e panadeiras de Carral na conservación dunha tradición que é parte esencial da historia do municipio».
A Deputación da Coruña colabora dende hai anos coa celebración desta festa, que alcanza xa a súa vixésimo segunda edición e que cada ano reúne milleiros de persoas arredor dun dos produtos máis recoñecidos da gastronomía galega.