Valentín González Formoso supervisou as obras do campo de fútbol de Fontenla en Santa Comba

1 minutes read

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e o deputado de Deportes, Antonio Leira, visitaron as obras de reforma e ampliación dos vestiarios do campo de fútbol municipal de Fontenla, unha actuación financiada a través do Plan Único da Deputación cun investimento de 203.885 euros.

A intervención, xa rematada, permitiu modernizar unhas instalacións deportivas moi utilizadas polos clubs e pola veciñanza, mellorando a funcionalidade, a accesibilidade e as condicións de uso dos vestiarios. O incluíu a reforma dos vestiarios existentes baixo a bancada, tanto os destinados aos equipos como os dos árbitros, coa renovación de duchas, bancos, acabados, instalacións e equipamentos interiores.

Ademais, a actuación incluíu a ampliación da zona de vestiarios mediante o acondicionamento de espazos anexos ao graderío que estaban sen uso, nos que se habilitaron novos vestiarios, un deles accesible, así como zonas de almacén e instalacións. Tamén se mellorou a envolvente exterior da edificación, coa renovación da cuberta e da fachada, ademais da urbanización exterior para facilitar os accesos.

O presidente da Deputación destacou que estes proxectos «explican moi ben para que serve o Plan Único: para actuar onde os concellos detectan as necesidades». «É un plan pensado para que os recursos cheguen directamente aos concellos, sen imposicións e sen tutelas, porque son os concellos os que mellor coñecen as prioridades da súa veciñanza», sinalou.