Veciños de Arteixo piden limitar o deslinde do Porto Exterior de Langosteira ao actual perímetro valado

2 minutes read

Veciños de Arteixo solicitaron formalmente ao Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Democrático que o expediente de deslinde do dominio público marítimo-terrestre na contorna do Porto Exterior de Punta Langosteira limite a súa superficie á contida dentro do actual valado do porto, co fin de que non se concrete a creación dunha Zona de Servizos sobre terreos lindeiros.
A Plataforma veciñal lembra que a construción do Porto Exterior de Langosteira xa supón unha profunda transformación do litoral de Arteixo, cunha ocupación aproximada de máis de seis millóns de metros cadrados en liña de costa, e non se atopa xustificada a necesidade de máis espazos nun ámbito costeiro.
Sinálase así mesmo que o municipio de Arteixo soporta unha elevar concentración de infraestruturas industriais con impacto negativo sobre a vida da veciños —refinería, polígonos industriais, canteiras e outras instalacións — o que incrementa a
preocupación social polo impacto acumulativo sobre o territorio e a calidade ambiental.
A petición prodúcese tras a publicación no Boletín Oficial do Estado do anuncio de información pública do expediente de deslinde impulsado pola Autoridade Portuaria da Coruña.
A iniciativa veciñal foi rexistrada o pasado día 6 de Marzo pola Plataforma en representación de 342 asinantes do devandito documento – a pesar do curto prazo establecido para a formulación de alegacións – o cal é un reflexo da sensibilidade existente en distintos núcleos do municipio ante a posibilidade de que novos terreos con vivendas e parcelas privadas poidan verse afectados por futuras expropiacións para a ampliación do ámbito portuario.

Os veciños lembran que o Porto Exterior de Langosteira foi concibido inicialmente como infraestrutura portuaria destinada ao traslado de tráficos do porto interior da Coruña e como porto refuxio, e consideran que calquera ampliación territorial do ámbito portuario debe ser obxecto dunha análise pública rigorosa.
Por iso, solicitan ao Ministerio:

  • Que o deslinde do dominio público marítimo-terrestre limítese o perímetroactualmente ocupado polo porto exterior.
  • A eliminación de ampliacións da zona de servizo portuaria sobre terreos lindeiros.
  • A publicación completa dos informes técnicos e ambientais do expediente.
  • Que se inste ao Concello de Arteixo á apertura dun proceso de información e participación pública dirixido aos veciños do municipio, co fin de que sexan coñecedores dos proxectos empresariais privados que se pretenden impulsar no recinto.

A Plataforma veciñal insiste en que o desenvolvemento portuario debe ser compatible coa protección da contorna natural e coa seguridade xurídica e ambiental dos propietarios de vivendas e leiras situadas na contorna do porto e dos veciños da comarca en xeral.