O Concello de Carballo reforza a campaña de sensibilización arredor do colector marrón co obxectivo de seguir incrementando a participación da cidadanía na separación dos residuos orgánicos. Na actualidade, 1.800 familias forman parte xa do denominado voluntariado marrón, pero o Concello quere ampliar esa cifra e anima a novos fogares a sumarse á iniciativa.
A correcta separación da materia orgánica é un dos principais retos na xestión dos residuos, xa que case a metade do lixo que se xera nos fogares corresponde a restos orgánicos. O colector marrón, destinado exclusivamente a este tipo de residuos, implantouse no municipio como quinta fracción do sistema de recollida.
A particularidade destes colectores é que permanecen pechados e o seu uso está reservado ás persoas adheridas á campaña, co obxectivo de garantir unha correcta separación dos residuos e reducir a presenza de materiais impropios.
O Concello de Carballo continúa así adaptando o sistema municipal de residuos aos criterios establecidos tanto desde a Unión Europea como desde a Xunta de Galicia, que supoñen unha aposta por unha xestión máis eficiente e sustentable.
Súmate ao voluntariado marrón!
Para facilitar información á veciñanza e incorporar novas familias, o Concello retomará este xoves 1 de outubro a campaña de divulgación a pé de rúa.
A carpa de Ti tes a chave estará instalada na rúa Coruña, de 10.30 a 13.30 horas, para resolver dúbidas, explicar o funcionamento do sistema e informar ás persoas interesadas en participar.
As accións repetiranse ao longo de outubro, coincidindo en boa parte cos días de feira, nas seguintes datas:
- 1 de outubro: de 10.30 a 13.30 h
- 8 de outubro: de 10.30 a 13.30 h
- 11 de outubro: de 10.30 a 13.30 h
- 15 de outubro: de 10.30 a 13.30 h
- 22 de outubro: de 10.30 a 13.00 h
- 25 de outubro: de 10.30 a 13.00 h
- 29 de outubro: de 10.30 a 13.00 h
Que vai no colector marrón?
O colector marrón está destinado exclusivamente aos residuos orgánicos. Nel deben depositarse, entre outros, restos de froita e verdura, carne e peixe, cunchas de marisco e froitos secos, restos de pan, pousos de café e infusións, papel de cociña usado, restos de plantas ou cortizas. Pola contra, non deben depositarse envases, plásticos, cueiros, compresas, bastonciños dos oídos nin calquera outro residuo non orgánico.
A correcta utilización deste colector permite mellorar a calidade da recollida separada, aproveitar os residuos orgánicos e reducir a cantidade de lixo que acaba na fracción resto, o que contribúe a abaratar a factura que debemos pagar pola xestión dos residuos.
Desde o Concello facemos un novo chamamento á colaboración da veciñanza: avanzar cara a un Carballo máis sustentable require da implicación de todos e todas.
A iniciativa está dirixida a incrementar a eficiencia na xestión dos residuos de competencia municipal e está cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.
