Calquera persoa, incluso allea á programación ou asistencia ao ximnasio, pode participar nesta iniciativa en beneficio dos animaliños desde este xoves 1 de outubro, acercándose a depositar o seu donativo no establecemento deportivo a modo de penso ou latas de comida para cans e gatos. Habitualmente supéranse os mil quilos de produtos recollidos e nesta edición non se espera menos.
Esta idea solidaria leva consolidada desde o ano 2017, tamén se celebrou no 2018 e 2019, logo tras un parón obrigado pola pandemia foi retomada no 2025 e este sábado 3 de outubro celebrará a súa quinta edición a modo dun maratón solidario de «spinning» de tres horas de duración a quendas, onde a alta demanda de participantes, nesta ocasión máis de 45, obrigou a repartir as horas entre eles para que todos e todas poidan pedalear. Como condición previa, un donativo para os animais. Posteriormente terá lugar unha quedada-comida no Camping Baldayo.
Sheila, Pablo e Maribel serán os tres monitores encargados de facer que as sesións sexan o máis dinámicas e motivadoras posible, nunhas instalacións modernas e apropiadas para a ocasión ubicadas no propio ximnasio, localizado na confluencia das rúas carballesas Vila de Laxe coa Avenida de Bergantiños.
Ademais desta solidaria, o ximnasio carballés Corporal X-Pressión destaca pola infinidade de actividades que ofrece aos seus clientes mesmo cun servizo profesional personalizado. Unha iniciativa empresarial que está en marcha desde o ano 2004 da man dos irmáns Pablo e Maribel Pichel.
