A Xunta asina co Concello da Coruña a cesión de 4 parcelas e confirma que xa ten en marcha as licitacións da redacción dos proxectos para construír un cento de vivendas públicas, cun investimento autonómico estimado de preto de 19M€.
Así o avanzou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, firmou coa alcaldesa de Concello da Coruña, Inés Rey, o citado acordo.
Allegue detallou que están publicadas no perfil do contratante a licitación da redacción dos proxectos das 58 VPP previstas na parcela dos Rosais; das 11 en Rei Abdullah, preto da praza Porticada; e hoxe súmase a licitación para 30 máis nas dúas parcelas de Pedro Fernández.
Remarcou que estes fogares se engaden ás 104 vivendas que están en marcha en Xuxán, nas que o Goberno galego leva investido 23,4M€.
A Xunta tamén está a impulsar o desenvolvemento de solo residencial na Coruña, concretamente no ámbito de Monte Mero, para 4.310 vivendas, o 80% delas protexidas.